Televisión de Galicia estrea este luns á noite ‘Lévame, lévame’ (22:20 h), un novo programa de entretemento producido por M International Audiovisual e protagonizado por personaxes populares e condutores galegos anónimos. Unha divertida proposta da canle pública, que se desenvolverá nas estradas comarcais galegas.
En cada entrega de ‘Lévame, lévame’, os nosos famosos farán autostop para volver a súa casa ou visitar seres queridos, provocando a sorpresa dos pilotos que paren a recollelos. Unha vez dentro do coche, a conversa entre o condutor e o famoso fluirá con naturalidade para abordar todo tipo de temas.
O protagonista desta primeira entrega será o coñecido presentador de ‘Luar’, Xosé Ramón Gayoso, quen fará autostop pola comarca de Lugo, entre as súas raíces familiares. O seu obxectivo será visitar os seus parentes de Santa Comba, parando polo camiño para mercar pasteis e flores para levarlles de agasallo. En medio de todos estes requirimentos, Gayoso deberá atopar condutores dispostos a levalo todo o traxecto.