No ano 2022 a Asociación Galega de Produtoras Audiovisuais, AGAPI, puxo en marcha a iniciativa AGAPI IMPULSA COPROS, un proxecto que busca tender pontes entre as xeracións máis novas do audiovisual galego e as produtoras máis consolidadas para dar pulo a novos talentos, e dar unha oportunidade de crecemento empresarial compartido.
É un programa gratuíto, de asesoría personalizada, para os proxectos que previamente seleccionou un xurado formado por profesionais de recoñecido prestixio dentro do ámbito a produción executiva. Da súa man buscan mellorar e orientar no financiamento devanditos proxectos de coprodución para cinema e televisión.
Nesta terceira edición, o xurado estivo composto por Raúl García, de Meteórica Cine; Pilar Abades, de Illa Bufarda, e Javi Lopa, de Undodez, que, tras seleccionar os cinco proxectos de creadores e creadores emerxentes, levouse a cabo o programa de mentorización progresiva. Durante este programa, abordaronse temas como orzamento, plan de financiamento, planificación de rodaxe, elaboración de dossieres e técnicas de pitching.
Os proxectos seleccionados foron: ‘Vén en ondadas’ de Ariadna Cordal e Dani Cornes; ‘Despois de Grecia’ de Irene Pin; ‘Por un puñado de pellets’ de Marcos Montiel; ‘BOANAI’ de Uliane Tatit, e ‘Canguro’ de Alba Pego.
Primeiras edicións
A continuidade deste programa vén dado polo éxito das anteriores edicións que, desde o primeiro momento, espertaron o interese das novas promesas do audiovisual galego, e tamén a implicación de produtoras consolidadas que non dubidan en tender a man polo futuro do noso audiovisual.
Na primeira edición de AGAPI IMPULSA COPROS, presentáronse 20 proxectos, dos que se elixiron cinco que foron mentorizados polas produtoras socias de AGAPI: Andrea Vázquez, de Miramemira; Felipe Lage, de Zeitun Films; Luisa Romeo, de Frida Films; Gaspar Broullón, de OlloVivo, e Ruth Chao de Somadrome.
Os proxectos seleccionados foron dúas longametraxes documentais: ‘Primeira Inmersión’, de Cristela Torres, e ‘As Movidas’, de Alejandro Gándara e Ariadna Silva, e tres longametraxes de ficción: ‘Furtivo’, de Uxía Diéguez, ‘¿Dónde están los ladrones?’, de Julu Martínez, e ‘Chorima’ de Alicia Úbeda.
Na segunda edición, que tivo lugar ao longo do 2023, o xurado composto por Amalia Mato, de Recrea Films; Jaione Camborda, de Esnatu Zinema, e Xosé Lois Ledo, de Nós, Produtora Cinematográfica Galega, seleccionaron os cinco proxectos para a súa mentorización progresiva ao longo de tres meses.
Nesta ocasión, os proxectos seleccionados foron ‘Anomaly’, de Ana Urquijo, ‘Shido’ de Ana Pico, ‘Ronsel’, de Anxo Soilán e Luis Morla, ‘Backside Ollie’, de Bárbara Fernández e Mariona Martí, e ‘Régimen’, de Iris Justo e Bea Saiáns.
Primeiros resultados
A idea, o proxecto e a mentorización levada a cabo na primeira edición de AGAPI IMPULSA COPROS xa tivo os primeiros resultados. Así o documental experimental ‘As movidas’, que renomearon como ‘360 Curvas’, de Alejandro Gándara e Ariadna Silva, está en postprodución coa producción de Rebordelos, a produción executiva de Tamara Canosa, Xacio Baño, Alejandro Gándara, Ariadna Silva, Adrián Méndez e Manuel Lucas Mariño.
O proxecto, mentorizado por Gaspar Broullón, da produtora Ollovivo, é un documental no que o autor percorre á inversa o camiño trazado pola xente da Fonsagrada. Durante a peza explora os conflitos sociais que aconteceron na Fonsagrada a comezos dos anos 90, coñecidos como ‘As Movidas’, unha loita pioneira contra a desaparición do mundo rural, precursora da España baleirada.
‘Primera inmersión’, de Cristela Torres, foi outra das pezas seleccionadas na primeira edición, que, debido ao falecemento do protagonista que daba voz á historia, non puideron continuar. Con todo, destaca ‘o tempo e aprendizaxe a pesar de non poder levar a cabo o seu proxecto, e o contacto continuo coa mentora para futuros traballos. E, ante todo, seguimos adiante con moitas ganas de seguir contando historias!”.
‘Furtivo’, de Uxía Diéguez, segue no seu camiño para facela realidade. De momento, ten boa proxección, xa que xa foi finalista nos “V premios Daniel Domínguez” de guión en galego, e finalista no concurso de guión de ficción de “ISII Etertainment Group”.
‘Backside Ollie’, de Bárbara Fernández e Mariona Martí, foi un dos proxectos elexidos na segunda edición. Un proxecto que puido seguir desenrolándose co acompañamento doutros laboratorios como Fulgor Lab, Emergente Lab, onde gañou o “Primer Premio Talento” na súa versión de curtametraxe, ou no Lab de Novos Cinemas.
Actualmente, o proxecto foi seleccionado nas Residencias da Academia de Cine e conta cunha terceira versión do dossier e unha primeira versión do guión. A idea é poder rodala en dous anos. “No noso caso contamos co apoio de Dani Froiz e, desde o primeiro minuto houbo unha moi boa conexión co proxecto, o que supuxo un impacto positivo no que atinxe ao feedback e á confianza co proxecto”. Unha experiencia positiva á que lle gustaría sumar, a modo de apuntamento, “un encontro presencial con todos os proxectos seleccionados, xa que o diálogo que se produce entre compañeiros, sempre é enriquecedor”.
As creadoras seguen no proceso de escritura de “Backside Ollie”, ademais de traballar no desenrolo doutra longametraxe de producción asturiana que vén de recibir as Axudas de desenrolo do Principado de Asturias.
‘Shido’, de Ana Pico, seleccionado na segunda edición de AGAPI IMPULSA COPROS, continuou o seu desenvolvemento por programas como TorinoFilmLab, BFI Future Screens, Titorías AGAG, European Producers Club: Pitch Training e recibiu a subvención a escritura de guión de AGADIC no 2024. Un traballo que segue en laboratorios e programas de desenvolvemento e que continuará neste proceso, ademais da procura de financiamento, antes de proceder á produción. Será ao longo deste 2025 cando busque os socios de coprodución e comecen as viaxes polos mercados. “Non podo estar más que agradecida á miña mentora Paula Cons, que foi marabillosa, e tamén a iniciativa de AGAPI que me serviu para este proxecto e que sentou as bases do que serán os meus próximos traballos”.
Ana Pico segue traballando coa súa produtora Henfunk Studio, e desenvolvendo outros proxectos, ademais de participar en festivais con varias curtas e a súa serie ‘Pulp Air’, e rodar unha curta “proof of concept”, é dicir un estudio de viabilidade da mesma.
‘Ronsel’, de Anxo Soilán e Luis Morla, mudou o seu nome a ‘O costume do traballo’ e tamén a súa idea orixinal convertendo o espírito da longametraxe en formato curta. Unha decisión tomada “grazas ás recomendacións da nosa titora en AGAPI IMPULSA COPROS, Gael Herrera, e cuxa motivación foi fundamental para poder presentar o proxecto ás axudas de talento do pasado ano”, comenta Anxo Soilán.
Unha asesoría que tamén lles axudou a obter unha axuda ao Talento Audiovisual de Agadic, o que significou un gran pulo xa que “puidemos financiar unha gran parte da rodaxe, agora estamos rematando a postprodución, e xa pensando na distribución que será levada a cabo por Brais Romero, de La Machina.
“Actualmente atópome desenvolvendo dous proxectos de curtametraxe: ‘Te saldrán escamas’, documental de Sara Domínguez co que participamos no Forum da ECAM de Porto Post Doc e que se rodará en Madrid neste 2025. O outro proxecto é ‘Todos los ríos del mar’, de Laura Alhach, seleccionado no Intersección Lab, un filme de materiais de arquivo colombianos dos anos 80. Tamén estou na busca de coprodutores de coprodutores para poder presentar estes proxectos a axudas no próximo ano”, comenta Anxo Soilán, quen compaxina estes proxectos co seu traballo como axudante de coordinación para outras producións.
’Anomaly’, de Ana Urquijo, tivo moi boa acollida en diferentes eventos de “pitching”, aínda que segue a espera de algo máis tanxible que, por motivos persoais, aínda non puido mover o suficiente para que iso ocorra. “Con todo, estou ansiosa por poder seguir dando pasos co proxecto e finalizar os obxectivos que tiña con el”. Pola súa selección na segunda edición de “Agapi impulsa Copros”, “só dar as gracias por esta oportunidade e por todas e cada unha das ensinanzas que tanto me aportaron. A visión e experiencia de Chelo Loureiro axudáronme a enfocar mellor os meus “pitchs” e reescritura de guión, polo que só podo estar moi agradecida”.
‘Chorima’, de Alicia Úbeda, seleccionada na primeira edición da iniciativa de AGAPI, estivo na residencia de Coofilm, onde foi titorizada por Diana Toucedo. Fai pouco, gañou a axuda de talento de escrita de guions, e, recentemente foi presentado á incubadora do Ecam coa produtora Brava. O traballo está en fase de desenvolvemento coa vista posta na solicitude das axudas ao desenvolvemento de Agadic.
Paralelamente, Alicia Úbeda, levou a cabo a súa primeira curta de ficción, ‘Ratiña’, e o seu segundo proxecto, ‘Garabato’ recibiu a axuda de produción de Agadic.
Julu Martínez foi seleccionado na primeira edición da iniciativa de mentoring de AGAPI co seu proxecto ‘¿Dónde están los ladrones?’. Tras iso, chegou a selección no ‘Semilleru Kids’, no marco do Festival de Cine de Gijón 2022/23, onde gañou o premio de Mellor proxecto. Tras un parón, recentemente, participou no marco da Seminci 2024, no marco do Encontro con produtoras e axentes culturais impulsado pola Valladolid FIlm Comission e por Seminci.
Paralelamente, Julu Martínez, está impulsando tres curtametraxes para, unha vez se estreen volver a súa ópera prima, sendo o seu obxectivo principal, atopar unha produtora para a posta en marcha da película.
As impresións
Tanto produtoras como creadores insisten que ao final esta mentoría é unha experiencia enriquecedora para todos xa que se trata dunha aprendizaxe en dúas dirección. Os mentores teñen a experiencia, e, os directores dos proxectos, teñen o desexo e a mirada fresca base para a realización dun bo cinema.
Os creadores subliñan o gran paso que supuxo contar con xente cunha consolidade traxectoria e experiencia para facer que as súas ideas atopasen o camiño a seguir para construír a súa primeira película.