A película, cunha narración visualmente creativa, proponnos unha aproximación íntima e profunda -a través de extractos das súas memorias- á vida da actriz mítica María Casares. Unha figura asombrosa, magnética e fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. Trátase dunha homenaxe realizada desde Galicia e desde España, ás que María nunca esqueceu, no centenario do seu nacemento.
A súa vida é como unha novela fascinante: nacida en 1922 na Coruña, críase nun ambiente de liberdade e independencia, relacionándose con personaxes como Valle Inclán e García Lorca. Seus pais son Gloria Pérez, unha muller extraordinaria, filla dunha cigarreira, e Santiago Casares Quiroga, xefe de goberno da Segunda República contra a que Franco se subleva. A pequena María é testemuña en primeira liña destes grandes feitos históricos. En 1936, con trece anos, foxe da guerra civil española con súa nai e exíliase en París, empezando a estudar para converterse en actriz, pero a vitoria de Franco, o estoupido da segunda guerra mundial e a ocupación de Francia polos nazis supoñen problemas graves para os Casares, só Santiago Casares logra escapar a Inglaterra. Todo isto non lle impedirá a María, con 20 anos, debutar nun gran papel protagonista nunha das principais salas teatrais de París. Converterase así, durante máis de cincuenta anos de éxitos, nunha das actrices máis aclamadas do cine e do teatro franceses.
Camaleónica, esixente, inconformista e cun sentido do risco e da innovación constante, esta galega universal alcanza un nivel interpretativo e intelectual que lle permite relacionarse ou colaborar como actriz en filmes e obras teatrais con algúns dos creadores máis grandes do seu tempo: Jean Cocteau, Robert Bresson, Gérard Philipe, Simone de Beauvoir, Picasso, Jean Paul Sartre, Margarida Xirgú, Jean Genet, Rafael Alberti, Jean Vilar, Colette, Patrice Chéreau, Koltés ou Jorge Lavelli, entre outros.
Amante inseparable do premio Nobel Albert Camus, o seu amigo e compañeiro sentimental durante dezaseis anos, ambos viven unha paixón arrebatadora que dá comezo o día do desembarco dos aliados en Normandía e manteñen unha relación amorosa intensa e de colaboración intelectual que dura ata a morte, nun accidente tráxico, do autor de La peste.
Producida pola empresa galega Agallas Films e a portuguesa Take 2000, Conta coa participación da TVG, co apoio de AGADIC, ICAA, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Turismo da Coruña e Acción Cultural Española.