A Deputación de Ourense e AGAPI organizan un roteiro ‘Elas, produtoras executivas’. Unha iniciativa para o empoderamento feminino’, que percorrerá diversos centros de ensino secundario da provincia.
O roteiro está dirixido ao alumnado de 4º da ESO por ser o curso inmediatamente anterior ao Bacharelato, etapa crucial na selección e dirección dos estudos do futuro, e busca aumentar o interese no feminismo, incrementar a conciencia crítica da xuventude, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas. A actividade constará da proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza na que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas, cun alto valor simbólico ao poder ser un referente para espertar vocacións entre a mocidade. E, ao remate, terá lugar un espazo de debate feminista, moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, con algunhas das protagonistas do documental, que falarán sobre as súas experiencias, a súa traxectoria así como dos seus plans de futuro.
O roteiro pola provincia de Ourense dará comezo o mércores 15 de marzo no IES 12 de outubro da cidade de Ourense e a convidada para este primeiro debate será a produtora Sofía Arangüena.
Ao día seguinte, o 16 de marzo, será a quenda do IES García Barbón de Verín, coa produtora Adriana P. Villanueva.
O 21 de marzo, o roteiro seguirá o seu percorrido no IES número I de O Carballiño coa produtora convidada Jaione Camborda.
O 27 de marzo continuará no IES Martaguisela de O Barco de Valdeorras, o 28 de marzo será a quenda do IES Eduardo Blanco Amor na cidade de Ourense coa produtora Alba Gallego e xa en abril, a actividade pechará a súa andaina no IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia o día 11 con Alba Prol.