Despois de seis días nos que o festival Novos Cinemas de Pontevedra proxectou 24 películas de máis dunha vintena de cineastas emerxentes, o festival fai públicos os premios da súa sexta edición. ‘Eles transportan a morte’, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, faise co Premio Novos Cinemas á Mellor Longametraxe da Sección Oficial, o Xurado novo outórgalle o Premio á Mellor Dirección da Sección Oficial a ‘Clara Sola’, de Nathalie Álvarez Mesen. O Xurado da Crítica seleccionou a película ‘Re Granchio’, de Alessio Rigo de Righi e Matteo Zoppis, e o premio Latexos deste ano é ‘918 Gau’, de Arantza Santesteban. A favorita do público foi ‘Rendir los machos’, de David Pantaleón.
O Xurado Internacional da sexta edición de Novos Cinemas, formado polo cineasta Álvaro Gago, a programadora Inês de Lima e a música e actriz Cora Velasco, escolleu ao filme ‘Eles transportan a morte’ e destacan del que é “un filme que esculpe a través da súa materialidade sensible e agreste unha fantasmagoría que nos infecta e nos asombra. Ese asombro é fermoso e necesario, xa que é traballado a través da reivindicación dunha posición revisionista dun pasado colonialista glorificado, nun presente en perigo de glorificarlo novamente. Pola xustiza e dignidade dunha cámara que filma corpos coma se fosen paisaxes”.