Avanza a rodaxe de ‘Tralovento’, a nova película de Eloy Domínguez Serén, producida por Zeitun Films

Avanza a rodaxe de ‘Tralovento’, a nova película de Eloy Domínguez Serén, producida por Zeitun Films

A provincia de Ourense está a ser o escenario de Tralovento, a nova película de Eloy Domínguez Serén, que comezou a súa rodaxe a mediados de agosto e encara xa as últimas xornadas da primeira fase de filmación. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou esta mañá o set instalado en Vilar de Barrio, onde puido comprobar o avance desta coprodución internacional, para a que a compañía galega Zeitun Films dispón dunha subvención da Xunta de máis de 255.000 euros.

Ademais deste apoio a través da convocatoria de axudas á produción ou coprodución de proxectos audiovisuais galegos de 2022, Tralovento contou tamén cunha achega previa de 20.000 euros no marco da liña para desenvolvemento de proxectos na súa fase de preprodución.

José López Campos felicitou por este novo traballo o director Eloy Domínguez Serén, quen regresa ao formato longo tras No Cow on The Ice (2015) e Hamada (2018). O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o conselleiro nesta visita, na que tamén tivo a oportunidade de saudar o produtor executivo do filme, Felipe Lage; a actriz protagonista, Melania Cruz, e o resto do equipo.

Sinopse

A xornada de hoxe desenvolveuse no taller que, na película, recibe en herdanza a protagonista da historia. Trátase de Ana, quen regresa á súa vila natal tras a morte do pai. Aínda que a súa intención é marchar despois do enterro, sente a necesidade de quedar pola familiaridade, acougo e benestar que lle transmite o lugar, pero tamén pola intención dunha compañía eléctrica de instalar un parque eólico que afectaría os terreos da súa familia.

Xosé Barato, Gonzalo Uriarte e Mónica García forman parte tamén do reparto do filme, que ademais de en Vilar de Barrio, está a desenvolver esta primeira fase de rodaxe noutros concellos ourensáns como Verín, Monterrei, Cualedro, Laza, Vilardevós ou Castrelo do Val.

Tralovento, que Zeitun Films coproduce coa grega Asterisk*, é unha das seis películas e series rodadas en Galicia entre os meses de agosto e setembro con financiamento da Xunta mediante diferentes convocatorias para o sector audiovisual.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies