As xornadas ‘Produción independente galega na provincia de Pontevedra’, organizadas por AGAPI coa colaboración do Concello de Pontevedra e os Premios Feroz, consolidan o potencial do audiovisual galego

As xornadas ‘Produción independente galega na provincia de Pontevedra’, organizadas por AGAPI coa colaboración do Concello de Pontevedra e os Premios Feroz, consolidan o potencial do audiovisual galego

As xornadas ‘Produción independente galega na provincia de Pontevedra’, organizadas por AGAPI coa colaboración do Concello de Pontevedra e os Premios Feroz, consolidan o potencial do audiovisual galego

Pontevedra, 15 de outubro de 2025 – A Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo acolleu o martes 14 de outubro as xornadas “Produción independente galega na provincia de Pontevedra”, un evento formativo e profesional impulsado pola Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), en colaboración co Concello de Pontevedra e os Premios Feroz.

A xornada arrancou coa intervención institucional da Concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías Torreiro, quen destacou o firme compromiso do goberno municipal co desenvolvemento cultural e creativo da cidade. A Concelleira sinalou que a aposta polos Premios Feroz e por este tipo de actividades paralelas responde a unha estratexia máis ampla de apoio ao sector audiovisual como motor económico, social e identitario. Pola súa banda, Fernando de Luis-Orueta, coordinador dos Premios Feroz, agradeceu a colaboración institucional e subliñou o crecente interese que espertan os proxectos audiovisuais galegos a nivel estatal, valorando estas xornadas como un espazo esencial para a reflexión, a conexión e a proxección profesional.

Baixo o título xeral “Produción independente galega na provincia de Pontevedra”, as xornadas estruturáronse arredor de tres mesas de debate que puxeron o foco nos desafíos, oportunidades e realidades do sector audiovisual na provincia:

10:00 – 11:15 | Produtoras da provincia de Pontevedra e camiño internacional
A primeira mesa reuniu a representantes de tres produtoras da provincia: Diego R. Aballe (Coven Films), Mercedes G. Nieto e Mónica Hidalgo (M International Audiovisual), e Elena G. Román (Matriuska Producións), que asistiu en representación de Dani Froiz.
O debate centrouse en como traballar desde Pontevedra para un mercado global, identificando tanto as oportunidades como os obstáculos. As produtoras coincidiron en que a localización pode ser un activo diferencial. A lingua foi outro dos temas tratados: todas sinalaron que producir en galego xa non é visto como unha barreira, senón como unha oportunidade que achega autenticidade e singularidade aos proxectos. Falouse tamén da importancia de equilibrar a identidade local co atractivo para audiencias internacionais, e da necesidade de establecer alianzas con festivais, plataformas e coprodutoras para dar saída ás obras fóra das fronteiras.

11:30 – 12:30 | As rodaxes na provincia de Pontevedra
Na segunda mesa, titulada “As rodaxes na provincia de Pontevedra”, participaron Silvia Fuentes, da produtora Sétima, e Alfonso Zarauza, de Maruxiña Film Company, ambos con recentes experiencias de rodaxe na provincia.
Silvia Fuentes falou da película “As liñas descontinuas”, dirixida por Anxos Fazáns, quen tamén é socia da produtora. Pola súa banda, Alfonso Zarauza compartiu a súa experiencia coa rodaxe de “Así chegou a noite”, de Ángel Santos. Ambas as películas foron filmadas recentemente en distintas localizacións da provincia e exemplifican o potencial do territorio como espazo de creación.
Durante a conversa, abordáronse os retos da coprodución, habitual no audiovisual galego actual, tanto polo necesario reparto de dereitos como pola coordinación entre empresas. Destacouse a forza narrativa que poden ter as historias enraizadas nun territorio concreto, e valoráronse as vantaxes da provincia de Pontevedra como escenario de rodaxe: desde a variedade de paisaxes ata a disposición das administracións e a colaboración da veciñanza.
Ambos compartiron imaxes exclusivas das rodaxes, ofrecendo ao público un adianto visual dos filmes antes das súas estreas previstas nos próximos meses.

12:30 – 13:30 | Mulleres que contan
A última mesa contou coa participación de Alba Gallego (Kraken Media), Nati Juncal (Cósmica Producións, CIMA Galicia) e Beli Martínez (Filmika Galaika, profesora da UVigo), que compartiron as súas traxectorias persoais e profesionais.
A moderadora destacou que moitas mulleres do sector compaxinan varios roles profesionais e persoais. As participantes explicaron como chegaron ao audiovisual e como se converteron en empresarias, moitas veces empuxadas por unha necesidade de autonomía e pola falta de oportunidades nos espazos tradicionais de produción.
O debate afondou na conciliación como un dos temas pendentes no sector, e en como a multiplicidade de tarefas e responsabilidades recae con máis frecuencia nas mulleres. Falouse tamén do paso á produción e dos obstáculos atopados, incluído o “teito de cristal”, que aínda limita o acceso das mulleres a determinados postos de decisión.
A mesa pechouse cunha rolda sobre os proxectos nos que están actualmente a traballar, subliñando o potencial creativo das novas voces femininas e a importancia de tecer redes de apoio no sector.

As xornadas converteron a Facultade de Comunicación da UVigo nun punto de encontro clave para reflexionar sobre o presente e o futuro da produción independente en Galicia, conectando o tecido profesional co talento emerxente.

Dende AGAPI, o Concello de Pontevedra e os Premios Feroz salientaron a importancia de seguir apoiando este tipo de encontros formativos e sectoriais, que consolidan o papel de Pontevedra como referente no mapa audiovisual estatal.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies