As televisións públicas de País Vasco (EITB), Cataluña (3Cat) e Galicia (TVG) anunciaron hoxe, no marco do foro Conecta FICTION & ENTERTAINMENT, que se asociaron para crear ‘Pensión incompleta’, un proxecto de ficción inédito no panorama audiovisual estatal, xa que se trata da primeira serie gravada nas catro linguas oficiais do estado, na que conviven galego, eúscaro, catalán e castelán como linguas orixinais de produción.
A serie está aínda en fase de desenvolvemento e ten data prevista de rodaxe para o final deste verán. Montse Besada, xefa do Servizo de Contido Televisivo de TVG, Oriol Salga-Patau, xefe do Departamento de Ficción e Cinema de 3Cat, e Gorka García, director de Programas e Contido Artístico de EITB, manifestaron a súa satisfacción por este logro.
A proposta constrúese sobre unha estrutura de escritura compartida que reúne a profesionais de Galicia, País Vasco e Cataluña, achegando miradas diversas, sensibilidade local e vocación integradora. Trátase dunha fórmula de traballo que non só abre un novo camiño de colaboración interterritorial, senón que pon en valor as culturas propias e a riqueza idiomática como motores narrativos.
A serie desenvolverase como unha road movie, nun autobús, que conecta os tres territorios históricos de España, con rodaxes previstas en localizacións reais de Galicia, País Vasco e Cataluña. Ademais da súa vocación simbólica, o percorrido terá un impacto directo na valorización do patrimonio cultural, artístico e paisaxístico das tres comunidades.
‘Pensión Incompleta’ constitúe unha aposta estratéxica pola innovación en formatos de coprodución pública, cunha estrutura aberta a futuras extensións de colaboración. Non se trata só dun contido de entretemento, senón dun paso firme cara a unha maior cooperación cultural e industrial entre televisións autonómicas con vocación de servizo público.
A serie ten como punto de partida a un grupo de aparentemente entrañables viaxeiros do IMSERSO que, da noite para a mañá, convértense nos principais sospeitosos da desaparición de obras de arte. Será unha serie coral, para todos os públicos e chegará ás pantallas destes tres territorios en 2026.