A Deputación da Coruña distingue a firma de contidos Somadrome Films nos Premios PEL 2025

A Deputación da Coruña distingue a firma de contidos Somadrome Films nos Premios PEL 2025

O Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón, acolleu na noite do 20 de xuño a gala de entrega dos Premios PEL da Deputación da Coruña, uns galardóns que recoñecen anualmente as mellores iniciativas empresariais da provincia e que este ano celebran a súa sétima edición.

As empresas galardoadas foron CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas S.C.G), Espazo Nature Retreat SL e a firme de contidos divulgativos para plataformas Somadrome Films SL, que recibiron un premio de 20.000 euros cada unha polo “seu compromiso co emprendemento, a innovación e a sustentabilidade”.

Segundo fixo saber a Deputación, a presente edición “fixo historia” ao rexistrar a maior participación dende a creación dos premios, con 127 candidaturas presentadas: 31 na categoría de Iniciativa Emprendedora, 79 na de Traxectoria Empresarial e 17 propostas polo xurado para a categoría de Proxección e Innovación Sostible.

“Esta alta participación demostra que os Premios PEL interesan, que son necesarios e que están plenamente consolidados como un referente no ecosistema empresarial da provincia”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que presidiu a gala.

O presidente felicitou ás empresas premiadas e ás que recibiron accésits, destacando “o talento, o esforzo e a capacidade de innovar dende calquera punto da provincia, mesmo dende os concellos máis pequenos”. Tamén agradeceu a participación de todas as candidaturas presentadas que non obtiveron galardón este ano “porque sen elas non existiría este proxecto colectivo que é o Plan de Emprego Local”.

– Somadrome Films, S.L. (Premio á Traxectoria Empresarial). É unha produtora audiovisual con sede en Oroso, especializada en documentais científicos e culturais para o mercado internacional. Fundada en 2017, aposta por un modelo de negocio innovador, dixital e centrado na calidade narrativa e no impacto social. Conta cun amplo catálogo de máis de 15 producións emitidas en canles e plataformas de todo o mundo, como Netflix, ARTE, Discovery Channel, TVE, Movistar, TVG, BBC, RAI, NHK, Foxtel ou Al Jazeera. O seu traballo contribúe a visibilizar o talento galego e achegar historias locais ao público global.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies