Andrea Vázquez e Uxía Caride, candidatas finalistas de AGAPI que optan ao Premio Mulleres no Foco 2026

O vindeiro 9 de outubro terá lugar en Marín a entrega de Premios Mulleres no Foco, promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración con CIMA Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais. Uns galardóns que teñen por obxectivo recoñecer a traxectoria das profesionais galegas do audiovisual e facer que cheguen ao conxunto da sociedade para construír referentes e avanzar na mellora das cifras de representatividade feminina nesta industria.
Aos tres premios valorados en 15.000 € (5.000 € para cada un deles) optan directoras, produtoras, guionistas, actrices e mulleres da industria do audiovisual da talla de Inés Colmeiro Villanueva, Inés Pintor Sierra, Clara Coira Suárez, Xisela Franco Costas, Ana Domínguez Díaz, Marta Villar Sanjurjo, Rosa Moledo Maneiro, María Ignacia Ceballos González-Llanos, Maria Isabel Rivera Torres, Lucía Estévez González, Diana Gonçalves Domínguez, Mela Casal Devesa, María Rodríguez Piñeiro, Anxos Fazáns Estévez, Carmen Méndez Lamas. Así como Andrea Vázquez e Uxía Caride, candidatas de AGAPI Asociación Galega de Produtoras Independentes. As tres gañadoras desvelaranse nunha gran gala na que se porá en valor a traxectoria das premiadas e o enorme esforzo das mulleres do audiovisual por sacar adiante os seus proxectos.

O xurado encargado da selección das candidatas da sexta edición dos premios Mulleres no Foco estivo presidido pola xefa do servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas, actuando como secretaria a adxunta ao mesmo servizo, Marta Caldas, e como vogais a técnica de Cultura da Deputación, Begoña Fernández; Alba González, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Iria Fernández, en representación da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización; Elena García, en representación de CIMA; Eva Fórneas, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia; Sara Varela, da Asociación sindical de guionistas; Ana Estévez, en representación da Coordinadora Galega de Festivais; e Silvia Fuentes, da Asociación Galega de Produtoras Independentes.
Ata a data, recibiron galardóns de Mulleres no Foco mulleres do audiovisual como Beatriz Legerén, Lucía Veiga, Silvia Fuentes, Jaione Camborda, Lidia Fraga, Nati Juncal, María Isabel Martínez, María Rodríguez, Rosa Mariana Fernández, María Consuelo Loureiro, Paula Cons, Lucía Catoira, Sonia Méndez, Noemí Chantada e Margarita Ledo.