Ana Romaní recolle o I Premio de Honra Dolores Ben nun emotivo acto celebrado en Cinemar

Ana Romaní recolle o I Premio de Honra Dolores Ben nun emotivo acto celebrado en Cinemar

AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) entregou o mércores 2 de febreiro de 2022 o I Premio de Honra Dolores Ben á poetisa e xornalista cultural Ana Romaní.

A entrega do galardón tivo lugar en Cinemar Films, estudo cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, emprazado no polígono de Novo Milladoiro moi preto de Santiago de Compostela. Ata alí desprazáronse numerosos invitados relacionados co mundo da cultura que quixeron arroupar coa súa presenza este acto tan especial.

AGAPI decidiu crear o Premio de Honra Dolores Ben para manter viva a súa memoria e recoñecer ás persoas e institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba.

Ana Romaní é unha recoñecida profesional do eido da cultura, ligada desde nova ao mundo asociativo, participou na creación da Asociación Cultural Catavento de Noia (1983) e da revista artesanal Carabela de Xiada (Noia, 1983). Traballou como actriz de dobraxe dos anos 1985 a 1989. No 1989 incopórase á traballar na Radio Galega, na que segue na actualidade, onde dirixe o programa Diario Cultural entre os anos 1990 e 2018, ano no que é distinguida co Premio Nacional de Xornalismo Cultural que outorga o Ministerio de Cultura. Alén da súa faceta profesional, Romaní é unha activista a prol dos medios públicos, da liberdade informativa e da defensa da cultura. Ten publicada unha extensa obra como poetisa e ensaista e leva colaborado en numerosos proxectos artísticos con músicos como Uxía Senlle ou Rodrigo Romaní. É académica numeraria da Real Academia Galega (RAG) desde 2019 e ao longo da súa carreira leva recibido numerosos premios e recoñecementos aos que agora se suma o I Premio de Honra Dolores Ben.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies