Tras obter o Premio á Mellor Longametraxe na 32 edición do IDFA -o festival do xénero documental máis importante do mundo- e o Coral ao Mellor Documental no Festival de Cine Latinoamericano da Habana, “A Media Voz” (2019), das cineastas cubanas afincadas entre Galicia e Xenebra, Patricia Pérez e Heidi Hassan, compite na Sección Oficial de Documentais da 23 edición do Festival de Málaga. Cine en Español. As directoras presentaron a película no certame este domingo, 23 de agosto, no Teatro Echegaray.
A través da correspondencia audiovisual entre ambas, artéllase o diálogo deste documental auto-etnográfico. Dúas mulleres de 40 anos, afrontando os retos da emigración, intentan reconstruirse lonxe de Cuba. “A Media Voz” amosa dúas historias nas que identidade, maternidade e creación entrecrúzanse e impúlsanse mutuamente.
“A Media Voz” é unha producción da socia Matriuska Producciones (España), en coprodución con Perspective Films (Francia), La 5ta Avenida Producciones (Cuba), e PCT (Suiza). Habanero xestiona as súas vendas internacionais. Elamedia Estudios estreará “A Media Voz” en decembro de 2020. A postprodución foi realizada pola empresa socia Cinemar Films.
Sinopse
Heidi Hassan (40 anos) é unha directora de fotografía cubana que recentemente emigrou coa súa parella a Suiza, cansa de apostar por unha Revolución que perdeu o sentido. Pero extrana a Cuba, e no país de acollida atravesa unha profunda crise de identidade ao verse confrontada a refacer a súa vida nunha sociedade moi distinta á súa. Intenta integrarse poñendo toda a enerxía en retomar a súa profesión, pero elo toma máis tempo do previsto e o reloxo biolóxico pona na encrucillada de ter que escoller entre a súa carreira e a maternidade. Desgarrada por estes dous desexos e impulsada pola urxencia de contrastar a súa experiencia de emigración, decide retomar a comunicación con Patricia, a súa mellor amiga e coa que por discrepancias políticas perdeu o contacto quince anos atrás cando esta abandonou Cuba.
Patricia Pérez (40 anos), cineasta cubana que emigrou a España hai quince anos, recibe unha video-carta de Heidi na que lle pide que retomen a amizade e deixen de lado os vellos desacordos. Esta inesperada solicitude desestabilízaa pois obrígaa a confrontar os que foron os seus soños coa súa vida actual: sen fillos, afastada do mundo en Fisterra e desconectada por completo do medio audiovisual. Aínda así Patricia necesita retomar a comunicación con Heidi e desencadéase entón unha correspondencia audiovisual entre ambas cineastas; un intercambio de experiencias e posturas sobre a creación, o desarraigo e a maternidade. Un diálogo – a media voz – que lles permitirá reorientar as súas vidas. O que comeza sendo un xesto desesperado, remata converténdose nun xesto cinematográfico, nunha película íntima e reveladora sobre a feminidade no século XXI.