A gran celebración anual do audiovisual galego regresa á Coruña. O sábado 23 de marzo o Coliseum acollerá a gala de entrega de premios, un espectáculo que estará presentado polos actores Lidia Veiga e Miguel Canalejo e dirixido pola dramaturga Noemi Rodríguez.
A presentación dos XXII Premios Mestre Mateo tivo lugar hoxe na Filmoteca de Galicia, e contou coa presencia dos presentadores, acompañados polo presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra; o Concelleiro de Fomento e Promoción da cidade do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; a Deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Natividad de Jesús González; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil e o Director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias.No transcurso do acto tamén se presentou o cartel da vixésimo segunda edición dos premios, inspirado na estética vapor wave e o eslógan da edición.
“Hai alguén aí? Si?, Non? Si?”
O presidente da Academia iniciou a súa intervención explicando o eslógan, que retoma a pregunta que lle facía aos espectadores o Xabarín que presentaba o coñecido programa Xabarín Club nos anos 90, unha pregunta que, desde a Academia se resposta afirmativamente “si que hai alguén aqui, destoutro lado das multiples pantallas nas que, corenta anos despois, o audiovisual galego está presente: temos un sector maduro e consolidado”.
Pérez Becerra continuou enumerando algúns dos datos que dan boa conta desta conexión entre o audiovisual galego e o público: “as películas que participan nesta edición dos Premios Mestre Mateo obtiveron unha excelente resposta de público na súa estrea en salas de exhibición superando os 325.000 espectadores, o que supón un aumento do 48% con respecto ás cifras acadadas polas películas participantes na edición anterior. A ficción televisiva tamén colleita salientables éxitos de audiencia nas diferentes plataformas de streaming e nas canles xeralistas, uns resultados que elevan o listón desmarcandose das cotas acadadas en anos anteriores”. A elección do recinto que acollerá a gala de entrega de premios quere, nas súas palabras, corresponder a este éxito de público “celebrando a gala máis multitudinaria da historia dos premios, abrindo as portas a preto de 2.000 asistentes”.
O sábado 23 de marzo daranse a coñecer no Coliseum coruñés as gañadoras e gañadores da vixésimo segunda edición dos Premios Mestre Mateo, á que concorren 173 producións e 493 profesionais. Trátase da primeira vez que o recinto acolle a entrega de premios .
Os XXII Premios Mestre Mateo celébranse grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e a Compañía de Radio Televisión de Galicia – CRTVG.