A curtametraxe Ulises, dirixida por Félix Bríxel e producida por Gaitafilmes foi seleccionada na Sección Oficial de Curtametraxes do Festival de Málaga.
Rodada na aldea de Mestre (Ribeira de Piquín) e na Serra do Xistral conta co apoio do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e da Axencia Galega das Industrias Culturais, ademais da colaboración do Concello de Ribeira de Piquín.
A estrea de Ulises no Festival de Málaga será o vindeiro 11 de marzo.
SINOPSE
Ulises, que sofre un acusado trastorno psicomotor, vive ao coidado de seu irmán. Un día abandona a casa familiar e decide enterrarse vivo. O seu irmán, desesperado, atópao e convénceo para volver, pero xa non sabe que facer para protexelo. Unha mañá, un vendedor ambulante chama á porta e convídano a pasar a noite na casa.
BIO FILMOGRAFÍA DO DIRECTOR
FÉLIX BRIXEL
É profesor universitario e natural de Rianxo (A Coruña). Inicia a súa carreira artística no teatro coa creación compañía independente da USC, Krilajo, en 2013. Foi guionista e director das montaxes do grupo ata 2018. Nos últimos anos centrou a súa actividade na creación audiovisual, dirixindo traballos de aprendizaxe como A Cat in the Window (2018) -mención do xurado no Festival de Cans-, A chamada (2019) e Maipy Kanki (2020). En 2023 estrea a súa primeira curtametraxe profesional, Ulises, mentres se atopa desenvolvendo os seus primeiros guións de longametraxe.
FILMOGRAFÍA
Maipy Kanki (curtametraxe, 2020), A chamada (curtametraxe, 2019), A Cat in the Window (curtametraxe, 2018)