A Feira celebra a súa 16ª edición, do 1 ao 3 de decembro de 2023 en Pontevedra, e abre un proceso selectivo até o vindeiro 8 de marzo.
Búscase un profesional con experiencia en coordinación e dirección de proxectos culturais, de equipos humanos, con capacidade de interlocución co tecido artístico e cidadanía, e de cooperación con outras institucións públicas e privadas. A directiva da Culturgal convida a todas as persoas interesadas a presentar a súa candidatura ata o próximo 8 de marzo.
A directiva da Feira procura, con este proceso de selección de dirección, afondar na renovación dun evento de referencia que debe atender ao dobre carácter da Culturgal: por unha banda, como plataforma para o sector e profesionais e, por outra, como festa e encontro para públicos diversos.
Todas as persoas interesadas na convocatoria deberán presentar o seu CV e unha carta de motivación na que acreditar a súa solvencia profesional. A nova directora ou director de Culturgal terá que, entre outras labores, definir o programa da Feira en coordinación coa Xunta Directiva, supervisar a produción, montaxe e equipos técnicos, xestionar os plans de
axudas e patrocinios así como procurar novas vías de financiamento e coordinar a estratexia de comunicación. As bases da convocatoria pódense consultar na web www.cultur.gal.
Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrincara de maneira exitosa en 2007. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de
Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio estable da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Ministerio de Cultura e Deporte, Deputación de Pontevedra e Deputación da Coruña.
Agradecemento a Eva Alonso
A directiva da Culturgal quere manifestar o seu agradecemento a Eva Alonso, directora da Feira na edición 2022, que pola dedicación que lle esixen outros proxectos profesionais non pode continuar na dirección da edición 2023.