A CRTVG vai producir 25 novos proxectos no marco da súa convocatoria de selección de produtos dixitais en lingua galega, resolta pola Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos da Corporación e á que se destinan máis de 300.000 euros. Entre os 25 proxectos hai contidos divulgativos, infantís, de entretemento, humor, educación, ficción ou cultura sobre moi distintas áreas e todos eles teñen en común que están creados especificamente desde e para a contorna dixital.
Os proxectos, que serán emitidos a través das canles dixitais, páxina web e redes sociais dos medios públicos galegos, foron elixidos en dúas categorías: a de pezas longas dun máximo de 50 minutos, na que foron seleccionados 12 vídeos que reciben cada un como máximo 20.000 €; e a categoría de vídeos curtos, de ata 10 minutos, que recibirán un máximo de 6.000 €. Entre eles hai pezas destinadas ao público máis familiar e á cativada, pero tamén outros programas pensados para públicos-nicho interesados en cuestións como a música, o cultivo de árbores, a tecnoloxía, o deporte ou a historia de Galicia.
Na categoría de vídeos longos aprobáronse os seguintes 12 proxectos:
⦁ ‘Raíña-me’, de Cristela Torres Nine, é un programa de entretemento en que a presentadora, Alexa Evans, converte a persoa convidada en drag queen ao longo dun proceso no que se fan probas e retos para coñecer a fondo as reviravoltas máis divertidas do mundo drag e coñecer o entrevistado como non se fixera antes.
⦁ ‘Paraíso Resort’, de Recrea Films SL, é unha serie humorística en formato sketch sobre un grupo de persoas que conviven no ceo. Na ficción, faise unha caricaturización de escenas da vida cotiá duns personaxes singulares e divertidos que reproducen no ceo os conflitos e peripecias que xa viviron na terra.
⦁ ‘E logo quen foi’, de Cristina Martínez Rodríguez, é unha microserie de ficción do xénero policial onde a axente Rodríguez ten que resolver en cada temporada un caso. Cada episodio é un interrogatorio da axente aos sospeitosos e, logo de velos, os espectadores están chamados a resolver o suceso.
⦁ ‘Plantasías’, de Zumalaba SLU, é unha miniserie documental divulgativa e infantil que trata sobre especies arbóreas de implantación tradicional en Galicia, contemplando usos prácticos, medicinais, culinarios, festivos, rituais ou lendarios.
⦁ ‘Nubes’, de Gaitafilms SL, é unha serie web infantil que busca que a cativada coñeza a natureza atmosférica que a rodea. Está feita con animación 2D e nela unha pequena nube vivirá unha aventura onde coñecerá outras formacións gasosas en busca da lendaria Nube Arco da vella.
⦁ ‘Sexo con senso’, de Xosé Antón Moure Ferreiro, é un programa que trata a educación afectivo-sexual da mocidade mediante temáticas que afectan directamente a saúde e outras dimensións fundamentais como os afectos, as emocións ou as desigualdades entre mulleres e homes.
⦁ ‘O armario’, de Xurdir SL, é un programa dixital que en cada entrega se adentra nas casas de certas personalidades populares galegas para rexoubar o seus conxuntos ou outfits mentres nos contan historias vinculadas a eles.
⦁ ‘Sen saída’, de M Internacional Audiovisual, SL, é un programa de entretemento, con formato scaperoom, en que se fai seguimento de cinco persoas que están atrapadas nun labirinto e intentan atopar a saída.
⦁ ‘Música no foco’, de Marguerita Morello, é unha serie de cápsulas visuais onde distintos intérpretes, autores da música contemporánea galega, interpretan nunha contorna natural, un dos seus temas musicais mentres algunhas palabras das letras, animadas, completan o vídeo musical.
⦁ ‘Jakobsland, tras os pasos de Ulf o galego’, de Jaime Pardo Valdés, é un programa documental audiovisual sobre a pegada viquinga/normanda na Península Ibérica e especialmente en Galicia entre os séculos IX e XII.
⦁ ‘Recollendo músicas’, de Undodez, SL, é un programa documental que afonda no proceso de recollida de cancións e músicas tradicionais para a creación de temas, samples e melodías, a través de técnicas de composición e produción modernas. Afonda nas músicas actuais que lle dan un novo sentido a estes sons e actualizan o repertorio da música tradicional.
⦁ ‘A mascota’, de A Revolta Producións, SL, é un programa-concurso que busca a mellor familia dona dunha mascota de Galicia. Nel avalíase o día a día da familia e a relación co seu animal de compaña, dando a coñecer todo o que son capaces de facer pola súa mascota a través de diversas probas.
E na categoría de proxectos de vídeo cunha duración máxima total de 10 minutos aprobáronse os seguintes 13:
⦁ ‘Aquarium’, de Marguerita Morello, é unha peza de ficción que se ambienta nun futuro distópico, en que poden seguirse os altibaixos a nivel laboral e persoal de Electra, a protagonista.
⦁ ‘Galicia, viaxe de hipervisión urbana’, de Jaime Pardo Valdés, é unha miniserie que emprega as tecnoloxías do hyperlapse, timelapse e cámara 360 para apreciar a arquitectura, a cultura e a vida urbana de Galicia desde ángulos que desafían a imaxinación.
⦁ ‘A loita’, de Tamboura Films, SL, son microespazos en que amosan cinco deportistas de combate galegos de diferentes disciplinas (taekwondo, artes marciais, boxeo, kárate, esgrima…). Neles, comparten as súas vivencias persoais no que respecta á elección do seu deporte, á disciplina, ós hábitos diarios e ós logros que acadaron.
⦁ ‘Galicia peza a peza’, de Xurdir SL, é un espazo que percorre a rede museística galega dun xeito entretido e desenfadado. A través de oito capítulos achéganse oito pezas curiosas e interesantes que serven de pretexto para coñecer a historia, o museo que as garda e a vila onde se atopa.
⦁ ‘Xogas?’, de Xurdir SL, é un programa que quere poñer en valor os deportes minoritarios que se xogan en Galicia. Percorre a comunidade descubrindo deportes curiosos, traídos de outros lugares ou mesmo senlleiros de Galicia que agora están case esquecidos.
⦁ ‘Invasoras: unha ameaza silente’, de Trespés Producións Culturais SL, é un programa divulgativo que achega á realidade das especies exóticas invasoras (EEI) en Galicia. Amósase o impacto que diferentes especies de fauna e flora están provocando nos ecosistemas naturais galegos.
⦁ ‘Galicia de récord’, de A Revolta Producións SL, é unha proxecto que dá a coñecer os récords mundiais levados a cabo en Galicia.
⦁ ‘Naturalista do rural’, de Xiana Fernández-Albor Batallán, é un programa en que xente do rural fala da natureza que observa día a día e de todas as sabenzas sobre a fauna e a flora que rodea a estas persoas. Transmítense contos de natureza contados polos que mellor coñecen o conto.
⦁ ‘Contando historias’, de Cristela Torres Nine, é un proxecto divulgativo en que se intenta establecer unha conexión dos feitos históricos acontecidos no pasado coa realidade do presente.
⦁ ‘O noso cinema’, de Cristela Torres Nine, son micropezas sobre cinema cun ton lixeiro e cómico. Nel, o actor e comediante Miguel Canalejo e a directora Lucía Estévez achegan as que consideran as dez das películas galegas máis icónicas dos últimos anos.
⦁ ‘Xogando en galego’, de Iago Gordillo Trillo, é unha serie de vídeos curtos en que se descobren videoxogos en galego cun toque desenfadado e divulgativo, explicando as súas características e outras conexións coa cultura galega.
⦁ ‘Nos meus tempos’, de A Revolta Producións SL, é un programa de entretemento en que se captan as reaccións dun/dunha adolescente e unha persoa maior ao intentaren empregar obxectos, probar sabores ou ter experiencias que non son do seu tempo.
⦁ ‘Picariños’, de Coven Films, SL, é unha webserie de ficción infantil protagonizada pola propia cativada. Nela vívense pequenas aventuras da man de varios amigos que non paran de meterse en liortas.