‘AGalega é moito máis’. Este é o slogan co que nace a plataforma dixital de contidos audiovisuais da CRTVG: AGalega. Coa súa estrea, a CRTVG reconfigura a súa estrutura dixital e ofrece os seus contidos de ficción, entretemento, cine, series, animación, documentais, podcasts, directos e contidos exclusivos, a través da maior plataforma dixital audiovisual en galego do mundo.
AGalega incorpora máis de 1.400 contidos audiovisuais que están xa a disposición da audiencia, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. AGalega nace con dúas apps integradas, pero que tamén se poden descargar de forma individual. Para os máis cativos, nace a nova app Xabarín con novidades como Os Argonautas e a moeda de ouro ou Valentina, que se vai estrear como contido exclusivo na plataforma. A app do Xabarín estréase tamén con máis de 1.400 contidos propios xa publicados.
E arranca ademais AGalega Audio, con todos os servizos e canles da Radio Galega integrados, cos directos e contidos exclusivos. «Un novo xeito de consumo que incorpora a radio visual, coa programación desde o estudio multimedia e ao que se suman todos os podcasts e contidos nativos dixitais, cun total de 4.500 audios xa dispoñibles na app», según explican.
A AGalega pode accederse vía web a través de www.agalega.gal, e tamén pode descargarse AGalega (escrito sen espazos) desde Google Play e App Store. En febreiro estará dispoñible nas televisións intelixentes, en Fire TV, LG e Samsung. Ao xeito das plataformas dixitais internacionais, recoméndase o rexistro para gozar de todas as posibilidades que se lle ofrecen ao usuario: a suxestión de títulos que poden gustar, a posibilidade de engadir contidos á lista propia ou recibir as notificacións coas últimas novidades.