Vedra acolle esta fin de semana unha nova edición do LAV.mov, con formación audiovisual, concurso de curtas express e as proxeccións de ‘Dhogs’ e as curtas gañadoras do Festival de Cans

Vedra acolle esta fin de semana unha nova edición do LAV.mov, con formación audiovisual, concurso de curtas express e as proxeccións de ‘Dhogs’ e as curtas gañadoras do Festival de Cans

O LAV.mov, as xornadas de formación e creación audiovisual organizadas en Vedra pola Asociación Senunpeso, celebra esta fin de semana unha nova edición. Nos días 29, 30 e 31 de outubro, a Estación de Tren de Santa Cruz de Ribadulla acollerá obradoiros de found footage e DIT e postprodución, proxeccións de cinema galego e o concurso de curtas express A Fume de Carozo.

Proxeccións

As proxeccións celebraranse na Nave da Estación de Tren de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra). Arrancarán o venres 29 de outubro ás 20:30 h coa longametraxe “Dhogs”, escrita e dirixida por Andrés Goteira e cun elenco encabezado por Melania Cruz, Miguel de Lira, Antonio Durán “Morris”, Carlos Blanco e Iván Marcos. O filme é unha estraña mestura de xéneros chea de tensión, que non deixou indiferente ao público que a gozou en festivais de todo o mundo. O seu director, Andrés Goteira, estará en Vedra para presentala e participar no coloquio posterior.

O sábado 30 de outubro ás 20:30 h proxectarase unha selección das curtas premiadas no Festival de Cans 2021. Poderanse ver “Monte Bravo” de Noelia Muíño (mellor curta de ficción e mellor dirección); “Homeless Home” de Alberto Vázquez (mellor curta de animación e mellor banda sonora), “Deux options” de Gon Caride (mellor guión e mellor interpretación masculina) e “O son da balea” de Daniel Suárez-Rubini (premio do público). A sesión completarase coa peza documental sobre o festival “Cans 2020” de Isaura Docampo. O director do Festival de Cans, Alfonso Pato, será o encargado de presentar e participar no coloquio posterior á sesión.

Concurso A Fume de Carozo

Durante a fin de semana, 9 equipos participarán no concurso A Fume de Carozo. Desde o venres ás 18h ata o domingo ás 17:30 h, disporán de 48 horas para realizar integramente unha curtametraxe de ata 5 minutos de duración a partir dunhas directrices que non coñecerán ata o arranque do concurso. Durante o desenvolvemento do concurso, as persoas participantes contarán coa colaboración dun mentor: o director, guionista e produtor Andrés Goteira.

Ao remate do concurso, o domingo 31 de outubro ás 18:30 h, proxectaranse as curtametraxes participantes,. O xurado que elixirá a curtametraxe gañadora estará formado por Sara Iglesias, directora gañadora da primeira edición do certame; Araceli Gonda, guionista; e Javier Trigales, guionista, xornalista e programador cultural. O premio está dotado con 1.000 € e un galardón realizado por BOH.

Esta será a terceira edición do concurso. Nas anteriores gañaron as pezas “Os Remedios” de Sara Iglesias e “Siro” de Lucía Estévez en 2018 e “O Xeneral” de Carlos Prado en 2019.

Obradoiros de formación audiovisual

Tamén esta fin de semana o LAV.mov acollerá dous obradoiros de formación: “Recolectadores de imaxes: obradoiro de found footage“, impartido por Javier Trigales, e “DITsPOSTo: do sensor á pantalla, impartido por Fernando Alfonsín. Os obradoiros son de 14 horas de duración, con 15 prazas por obradoiro.

O LAV.mov está organizado pola Asociación Senunpeso, co patrocinio do Concello de Vedra e a colaboración da Asociación Papaventos, a Unitaria, o CGAI e BOH.

Catorce anos formando e creando audiovisual

A deste ano será a terceira edición do LAV.mov, logo da paréntese do ano pasado. Este formato dá continuidade ao Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV), que se celebrou durante dez anos e polo que pasaron máis de 1.500 alumnas e alumnos. Esta nova versión segue sendo fiel ao espírito orixinal de ofrecer a estudantes e persoas afeccionadas a oportunidade de adquirir novos coñecementos no eido audiovisual, ao que agora se engade a promoción da realización de pezas audiovisuais con Vedra como contexto. A filosofía é a de sempre: aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes creacións sen necesidade de contar con grandes orzamentos.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies