CREA organiza, un ano máis, a IX edición do CONECTA, o evento de networking especialmente pensado para guionistas, profesionais da dirección, creadores e creadoras, e todas as persoas cunha idea ou un proxecto audiovisual en desenvolvemento. Un encontro-laboratorio no que traballar sobre as vosas ideas e proxectos durante unha xornada na que contaredes co asesoramento de algúns dos e das mellores profesionais en activo de Galicia.
O IX CONECTA terá lugar o vindeiro 13 de novembro, entre as 10:30 e as 19:00 na Sede da Fundación SGAE (Santiago de Compostela), e está organizado, como todos estes anos, por CREA co apoio da Fundación SGAE e en colaboración con AGAG e AGADIC.
Despois da edición 2020 na que tiveron que adaptar o formato ao mundo virtual, nesta nova edición porán todo o esforzo para poder regresar á presencialidade, aínda que sempre co plan B preparado.
CONECTA é un evento de reunións un-a-un para falar de proxectos de calquera formato audiovisual en calquera estadio de desenvolvemento, inicialmente pensado para poñer en contacto guionistas e directores/as, pero que tamén resulta moi útil para obter feedback, consello profesional ou atopar eventuais compañeiros de viaxe para o que se teña entre mans ou para futuros proxectos. Ao CONECTA pódese asistir con ou sen proxecto.
Unha das novidades desta edición será que contarán, durante a tarde do Conecta, cunha interesantisima charla presencial de Alberto Guntín cunha morea de consellos para axudar a impulsar un proxecto nas etapas máis inciais de desenvolvemento. Alberto foi director de desenvolvemento de Voz Audiovisual e, posteriormente, formou parte do departamento de ficción de Netflix. A súa experiencia tanto como guionista como na procura e selección de proxectos fai que teña unha visión privilexiada e que poda ofrecer un impagable asesoramento ás persoas que loitan por mellorar os seus proxectos e conseguir facelos realidade. Por motivos de aforo, a charla será só para as e os participantes nas reunións do CONECTA da mañá.
Xa podedes inscribir os vosos proxectos ata o día 9 de novembro a través do formualario que atoparedes na web: https://www.crea.gal/actividade/conecta-2021/ Só é preciso un pequeno dossier ou unha sinopse que describa os aspectos básicos da idea. Como todos os anos, os proxectos inscritos no CONECTA serán especialmente valorados no CONECTA PLUS, o encontro con produtores que terá lugar no mes de decembro.
O CONECTA PLUS é un evento máis enfocado a atopar financiamento e recibir feedback dende o eido da produción. As inscricións para o CONECTA PLUS abriranse o día 15 de novembro.