O Clúster Audiovisual Galego dá a coñecer a selección dos 18 proxectos para a 15ª edición do pitching “I+P Ideas para Producir”, que se celebrará os días 30 de novembro e 1 de decembro en Pontevedra.
Os dezaoito finalistas foron elixidos entre máis dun centenar de proxectos recibidos e analizados polo Comité de Selección que, nesta edición, estivo composto por Alberto Domínguez, produtor executivo; Nico Campos, guionista e director, e Andrés Goteira, guionista, director e produtor executivo. Os traballos seleccionados atópanse en distintas fases de desenvolvemento e inclúen longametraxes, series e miniseries de ficción, documentais e formatos de televisión.
A sesión de pitching e as reunións one to one terán lugar o mércores 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os traballos serán presentados ante un auditorio formado por responsables de contidos de canles de televisión, produtoras e distribuidoras de primeiro nivel como RTVE, Mediaset España, Atresmedia, Movistar+, Netflix, Amazon Studios, CRTVG, Aragón TV, TV3, RTVA, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Bambú Producciones, Portocabo, entre outras.
Os 18 proxectos seleccionados para a 15ª edición do “I+P Ideas para Producir” son:
– “El Ocelote”, serie de ficción de CTV.
– “El Vestuario”, serie de ficción de Zenit Televisión.
– “Mi Ilustrísimo amigo: cartas de amor entre Galdós y Pardo Bazán”, longametraxe de ficción de Agallas Films.
– “El efecto flare”, miniserie de ficción de Adivina Producciones.
– “Jacinto”, longametraxe de ficción de Vizuals Lab.
– “El susurro de Dios”, serie de ficción de Filmakers Monkeys.
-“Marzich Caparrós”, longametraxe documental de Tarkemoto.
– “Nos tenemos que ver”, longametraxe de ficción de Parrocha Studio.
– “Más de 100”, programa factual de Área 5.1 Factoría Audiovisual.
– “Ogham”, serie de ficción de Ozo Perozo.
– “In the pines”, longametraxe de ficción de Carlos Almón.
– “Marilyn”, longametraxe de ficción de Producciones Vigo – EISV CE Marcote.
-“Instituto Franco”, serie de ficción de Juanjo Durán.
– “La Delegación”, serie de ficción de Ignacio Campón.
– “Los hijos de nadie”, longametraxe de ficción de Enrique Rambal.
– “Tres canciones”, longametraxe de ficción de Jana Llopart.
– “Iceberg”, serie documental de Alhena Production.
– “Rayuela”, serie de ficción de Lucas Villa.
Os proxectos de longametraxes e series en desenvolvemento seleccionados gozarán de maneira gratuíta dunha subscrición por tempo ilimitado no mercado online de Filmarket Hub, que ofrece a plataforma como empresa colaboradora do evento, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica. Obtendo unha maior visibilidade e novas oportunidades de atopar socios interesados nos seus proxectos e podendo acceder a outras empresas, ademais das que participen no Pitching.
Na edición de 2021 o “I+P, Ideas para Producir” conta co apoio do Ministerio de Cultura y Deporte; da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. Co patrocinio de Gadisa, Music Library & SFX, Cinetools, Galicia Calidade e Campos&Rial Correduría de Seguros, e coa colaboración de AGAG, CREA, da plataforma Filmarket Hub, do MPXA e da Pontevedra Film Commission.