Chega unha nova edición de AUGAL

Chega unha nova edición de AUGAL

A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo colaboran un ano máis na organización de AuGAL, Master Class do Audiovisual Galego, que celebra a partir do 15 de novembro a súa 11ª edición e recupera o formato orixinal de encontros con recoñecidos profesionais do sector arredor da proxección das súas obras. O programa, para o que acaba de abrirse o prazo de matrícula, desenvolverase arredor de seis sesións que terán lugar ata mediados de decembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.

As actividades para o curso lectivo 2021-2022 foron presentadas este mediodía na Casa das Campás da capital do Lérez coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Interviñeron, así mesmo, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, e o profesor Paulino Pérez, coordinador de AuGAL xunto con Miguel Anxo Fernández.

O responsable de Industrias Culturas da Xunta destacou este regreso da master class á súa estrutura habitual, tras unha décima edición que tivo que ser aprazada ao pasado mes de maio e adaptar o seu formato para aos condicionantes sanitarios impostos pola pandemia. Subliñou tamén o carácter divulgativo de AuGAL como plataforma para difundir o proceso de creación e produción das obras cinematográficas e televisivas con selo galego, tanto entre os propios profesionais como entre o alumnado que proximamente pasará a formar parte deste sector. Ao tempo, dáselles visibilidade aos novos creadores con sesións específicas centradas nas curtametraxes.

Esta undécima edición arrancará o luns 15 de novembro coa sesión titulada Como facer unha longametraxe en dúas semanas, na que o director Alfonso Zarauza compartirá a súa experiencia ao respecto con Malencolía, o seu último traballo. A xornada do mércores 17 estará centrada en Cuñados, primeira longa cinematográfica de Portocabo, co gallo de analizar o proceso de escrita e desenvolvemento do seu guión da man de Araceli Gonda.

Os traballos seleccionadas na última entrega de Shorts from Galicia, catálogo editado anualmente pola Xunta para a promoción das curtas galegas, serán os protagonistas do encontro do luns 22. Nel proxectaranse A loba, de Iria Silvosa; Augas abisais, de Xacio Baño; Homeless Home, de Alberto Vázquez; Os corpos, de Eloy Domínguez, e La penumbra, de Dani Viqueira, abríndose a continuación un coloquio cos directores.

A última sesión de novembro estará dedicada á análise de dous espazos de Televisión de Galicia coa participación de María Solar, coordinadora dos programas culturais da CRTVG e presentadora de Zigzag Fin de Semana, e de Marcos Barrios, produtor e director de Desmontando Galicia.

Xa en decembro e baixo o título A canteira da FCSC, o luns 13 terá lugar a proxección das curtas realizadas polo alumnado de Comunicación Audiovisual de Pontevedra durante o curso 2020-2021, mentres que o mércores 15 se celebrará a sesión de clausura coa conferencia Valentina, animar en Galicia impartida por Chelo Loureiro, responsable de Abano Producións e directora desta longametraxe.

Como en anos anteriores, a Master Class do Audiovisual Galego está dirixida tanto a estudantes como a profesionais do sector. A matrícula é gratuíta e a adxudicación das prazas realizarase por orde de inscrición na secretaría do curso.

Programa Augal

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies