Un día de rodaxe con….MIRAMEMIRA

Un día de rodaxe con….MIRAMEMIRA

Ext.-Cemiterio dos Ingleses (Camariñas)-Día

12 de xaneiro de 2022. Máis de 50 persoas están reunidas na rodaxe de ‘Sica’, un amplo equipo técnico e artístico para filmar a nova película de Miramemira que conta a maiores con un total de 120 extras, entre especialistas e figurantes, na súa maioría actrices e actores non profesionais da Costa da Morte.

Tralo éxito de ‘O que arde’ repiten formula na coprodución, esta vez coa produtora catalá Alba Sotorra. O proxecto ‘Sica’ rodado en versión orixinal en galego está enmarcado na Costa da Morte e nace dos recordos e reconstrucións da directora Carla Subirana. ‘Sica’ é tamén o nome da protagonista desta historia mariñeira de naufraxios e despedidas, que encarna Thais García, unha rapaza escollida nun casting polo que pasaron máis de 500 adolescentes da zona. Buscaban caras novas, persoas orixinais e peculiares para interpretar uns personaxes únicos que viaxan entre o documental e a ficción.

Esta coprodución que conta con un orzamento total de 1.800.000 euros está a piques de rematar unha rodaxe que coincide no tempo coa sexta ola da pandemia. Os estritos protocolos de seguimento con tests de antíxenos, o traballo en grupos burbulla e as mascaras e distancia están permitindo rematar sen incidencias esta rodaxe en celuloide, unha peculiaridade nun cine dominado polo formato dixital.

O impacto local é claro, o director de produción do filme, Aleix Castellón, sinala que pode rondar os 600.000 € en retorno directo, seguindo os cálculos que recollen da inxección económica na zona co alugamento de casas, hoteis e todos os servizos de restauración e avituallamento que supón unha rodaxe destas dimensións.

A rodaxe de ‘Sica’ arrincaba o pasado 6 de decembro aproveitando as semanas do nadal para avanzar ao máximo coas actrices e actores menores de idade, tratando de interferir o mínimo no seguimento do curso lectivo.

Contan con rematar o vindeiro luns o groso do filme pero por diante quedarán unhas semanas pendentes de rodaxe que se retomarán na primavera. Precisan imaxes subacuáticas dunhas algas que alcanzan o seu maior tamaño neses meses polo agardarán pola natureza para dar por pechado o filme. O traballo seguirá en postprodución e montaxe para ver por fin rematada película no vindeiro ano 2023.

A produción conta co apoio do ICEC da Generalitat de Catalunya, do ICAA do Ministerio de Cultura, da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o programa Europa Creativa da Unión Europea e coa participación da Televisión de Galicia.

Seguiremos a pista de ‘Sica’ agardando que a súa estrea se poida facer nun gran festival que permita de novo acadar o cumio ao cinema galego.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies