Silvia Fuentes (Sétima) participa estes días no Berlinale Co-production Market do Festival Internacional de Cinema de Berlín como unha das produtoras seleccionadas por España para participar no Visitors Programme.
Visitors Programme é o programa desenvolvido no marco de Berlinale Co-production Market, con actividades e eventos de networking para 200 produtores emerxentes e novos talentos de todo o mundo. Do 16 ao 19 de febreiro, acollerá a 10 mozos produtores e produtoras españolas seleccionados por convocatoria, entre os que está SIlvia Fuentes.
España volve reforzar o seu despregue no mercado da Berlinale. Este ano, 42 empresas e institucións españolas do sector audiovisual, case un 40% máis que na pasada edición, viaxarán á capital alemá para participar na 36ª edición do European Film Market (EFM), un dos tres encontros máis importantes para a industria internacional audiovisual, que se celebrará do 15 ao 21 de febreiro en diferentes puntos da cidade, coincidindo coa 74ª edición do prestixioso Festival Internacional de Cinema de Berlín.
A presenza española no EFM, canalizada a través de Cinema fromSpain e Audiovisual fromSpain -marcas baixo as que opera ICEX para a promoción internacional do sector audiovisual español-, verase representada por numerosos nomes da industria audiovisual. Farao con grandes profesionais tanto na súa sección Berlinale Co-production Market, dedicada ás coproducións internacionais, coordinada xunto ao Ministerio de Cultura, a través do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA); como na sección de estreas mundiais e internacionais de contido serial Berlinale Series Market, en colaboración con Iberseries & Platino Industria.
O pavillón España no EFM que, impulsado por Cinema fromSpain en colaboración con ICAA, está localizado na caseta C1 do edificio Gropius Bau, permite dispoñer a axentes de vendas, produtores, filme commissions e outros profesionais e empresas do sector, dun espazo para reunións e actividades de networking.