AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) entregou o martes 18 de xuño, o III Premio de Honra Dolores Ben á tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo.
A entrega do galardón tivo lugar en Cinemar Films, estudo cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, emprazado no polígono de Novo Milladoiro moi preto de Santiago de Compostela. Ata alí desprazáronse numerosos invitados relacionados co mundo da cultura que quixeron arroupar coa súa presenza este acto tan especial que contou coa participación de Rafael Sánchez, director de relacións institucionais e de comunicación de EGEDA, e co acompañamento musical do grupo Lula Mora.
Rosa Moledo nace en Gosolfre, Mazaricos, e logo de estudar na Escola Oficial de Idiomas da Coruña e na Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, leva máis de 30 anos dedicándose á tradución audiovisual e ao asesoramento lingüístico.
Como tradutora ten no seu haber numerosos traballos tanto para televisión coma para cine, entre os que se poden citar Fisterra, Sei quen es, A lingua das bolboretas, Lena, Os luns ao sol, O misterio Galíndez, 13 Badaladas, O lapis do carpinteiro, O ano da carracha, Abrígate, Agallas, Conexións, Cela 211, Engurras, O sexo dos anxos, A árbore magnética, Somos xente honrada, Os Fenómenos, O noso último verán en Escocia, Lupin…
Como asesora e supervisora lingüística colaborou en numerosas sesións de dobraxe para televisión e cine, así coma na rodaxe de diversos programas de entretemento e series televisivas, como é o caso de Mareas Vivas, Fariña ou El caso Asunta. Leva tamén varios anos realizando o asesoramento lingüístico e a coordinación e corrección de textos para a súa publicación das obras producidas polo Centro Dramático Galego.