‘As Neves’, de Cósmica Produccións, con Aquí e Alí Films na coprodución, é a primeira experiencia de Sonia Méndez como directora e guionista dunha longametraxe de ficción, aínda que a autora conta cunha recoñecida traxectoria de máis de 20 anos no sector audiovisual. O proceso de filmación da película, que comezou a mediados de decembro, encara agora a recta final.
A peza conta a historia dun grupo de adolescentes que na noite de entroido sáen de festa na vila. Durante a celebración, comeza a moverse por internet un vídeo íntimo dunha das rapazas quen, coa preocupación, desaparece. “O filme trata sobre como as amizades da moza xestionan a situación e a culpa, pois algunhas das persoas do grupo gravaran e difundiran o vídeo”. Así o explica a produtora executiva de As Neves, Nati Juncal. “A película trata dunha metida de pata que se lles foi das mans [aos protagonistas] e da que teñen que aprender a responsabilizarse por todo o que acontece despois”.
Se ben a longametraxe estase a gravar en diferentes localizacións, como Lugo ou Santiago de Compostela, a historia decorre maioritariamente no concello da Fonsagrada. “Buscabamos un lugar un pouco remoto, no que a natureza tivese unha gran presenza e onde tamén nevase moito”. A Fonsagrada é unha vila situada a 1.000 metros do nivel do mar e rodeada de montañas, polo que “cumpría os requisitos do imaxinario da película”.