En AGAPI comezan este 2023 facendo balance de “Agapi Impulsa Copros” unha iniciativa lanzada o pasado ano e que este ano volverá celebrarse en abril. Falamos con Uxía Caride, xerente de Agapi e con Manuel Lucas que traballou na organización das mentorías para saber un pouco máis sobre as impresións e aprendizaxes desta primeira edición. Pero empecemos polo principio, como e por que nace “Agapi Impulsa Copros”.
“Esta iniciativa nace pensando que é interesante e necesario tender pontes entre as xeracións máis novas e os produtores máis consolidados, para impulsar novos talentos e dar unha oportunidade de crecemento empresarial compartido” (Uxía Caride).
Dos 20 proxectos recibidos, 5 foron os elixidos para traballar man a man cos cinco produtores e produtoras que formaron parte do Agapi Impulsa Copros na súa primeira edición: Andrea Vázquez (Miramemira), Felipe Lage (Zeitun Films), Luisa Romeo (Frida Films) Gaspar Broullón (OlloVivo) e Ruth Chao (Somadrome). Ao longo de 3 meses os creadores e creadoras e produtores e produtoras traballaron man a man para facer da idea creativa un proxecto viable.
Entre os proxectos seleccionados hai dúas longametraxes documentais: ‘Primeira Inmersión’ de Cristela Torres e ‘As Movidas’ de Alejandro Gándara, e tres longametraxes de ficción: ‘Furtivo’ de Uxía Diéguez, ‘Dónde están los ladrones?’ de Julu Martínez e ‘Chorima’ de Alicia Úbeda.
Tanto produtores como creadores insisten que ao final esta mentoría é unha experiencia enriquecedora para todos, así o afirma, por exemplo, Andrea Vázquez de Miramemira:
“É unha aprendizaxe en dúas direccións. Os mentores temos a experiencia, e os directores dos proxectos seleccionados teñen o desexo, a mirada e a frescura que nutre o bo cinema”.
Desde o punto de vista dos creadores confirman que quedaron con ganas de máis, pero que definitivamente estas mentorías foi un paso de xigante para baixar as súas ideas a algo real e viable:
“Desde a súa ampla experiencia e con realismo, Luisa guioume para entender o camiño e o panorama tan complexo, algo fundamental cando estás a construír a túa primeira película“ (Julu Martínez).
Ademais, Manuel Lucas, responsable de coordinación das mentorías, asegura que tras tres meses de traballo creouse un vínculo que vai máis aló do proxecto: “aínda que non deu tempo a empezar coa preprodución, as mentorías foron ese impulso necesario para coller forzas e motivación”.
Para a segunda edición de “Agapi Impulsa Copros”, que arrincará en abril deste 2023, ademais da mentorías incluirase formación máis especializada sobre financiamento para dar un paso máis e facer que estes proxectos cheguen ás pantallas.
En Agapi afirman que “o máis enriquecedor foi a posibilidade de facer crecer proxectos de forma acompañada entre diferentes xeracións” (Uxía Caride).