Recrea Films: “Neste sector temos un poder de resiliencia brutal’’

Recrea Films: “Neste sector temos un poder de resiliencia brutal’’

O 2020 para Recrea Films foi un ano duro como para case todos, pero tamén foi o ano no que terminaron “A virxe roxa”, unha longametraxe documental que poderemos ver en 2021 e que en palabras da produtora Amalia Mato “como mínimo vai sorprender”. A idea orixinal é de Amalia Mato e Chema Gagino, fundadores de Recrea Films, pero xerminouse moitos anos antes, xa que con 14 anos Amalia leu un artigo sobre a incrible historia de Aurora e a súa filla Hildergart Rodríguez, e desde entón a historia destas dúas mulleres perseguiuna.

A cinta dirixida por Marcos Nine é un relato íntimo sobre estas dúas mulleres, pero tamén sobre a historia de España, xa que nela trátanse multitude de temas como a revolución, o poder relixioso, o mito de Frankenstein, a sexualidade, feminismo, etc.

Parece que desde marzo de 2020 a incerteza converteuse en norma, por iso desde a produtora aínda non poden confirmar data concreta da estrea, aínda que será seguro en 2021 e esperan poder estar en festivais de clase A. Desde a produtora afirman estar moi satisfeitos co resultado.

En Recrea Films teñen ademais varios proxectos propios en fase de desenvolvemento, unha comedia e un documental sobre o caso de José Couso, o xornalista galego asasinado en Iraq en 2003.

A pandemia afectoulles como a todos, pero no seu caso afirman ter sorte xa xusto terminaran a rodaxe de todas as entrevistas de “A virxe roxa” antes de que se decretase o estado de alarma, “houbo atrasos pero afortunadamente non tivemos que parar nada, e puidemos seguir traballando perfectamente. Somos unha empresa pequena e isto ás veces ten as súas vantaxes, porque te podes adaptar á situación máis rápido que unha empresa grande”. En palabras de Amalia Mato “neste sector temos un poder de resiliencia brutal, estamos tan afeitos vivir en crise que quizá nos sabemos manexar mellor que outros sectores, é unha lectura agridoce, pero estamos afeitos a reinventarnos continuamente porque levamos moito tempo facéndoo”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies