Recoñecemento á produción cinematográfica

Recoñecemento á produción cinematográfica

Aínda que queda máis dun mes para que comece a 26º edición do OUFF, o Festival de Cinema de Ourense, xa se anunciaron os gañadores dos premios especiais, e dous deles foron para os produtores e socios de Agapi Alfonso Blanco da produtora Portocabo e Beli Martínez de Filmika Galaika. Ambos os premiados resaltan que é unha alegría que se recoñeza con estes premios o traballo dos produtores que adoitan estar sempre á sombra. 

Alfonso Blanco natural de Freixido (Ourense) e director da produtora Portocabo recibirá o Premio Ourense, desde o festival destacan: “a súa traxectoria profesional desde a produtora galega Portocabo, destacando en particular o seu ourensanismo militante e o seu interese por fomentar a provincia como estudo audiovisual, como proba o éxito da comedia “Cuñados” rodada en Ourense na súa totalidade”.

Falamos con Alfonso sobre o que significa este premio para el, “é un premio que me fai especial ilusión porque vén de casa, ademais a miña relación con este festival vén de lonxe. Eu empecei a interesarme polo cinema grazas ao Cineclube Padre Feijóo de Ourense, e logo estiven a organizar as Xornadas de Cinema de Ourense, que son as precursoras deste festival. Mentres terminaba a universidade estiven a traballando xunto a Eloy Lozano, logo fun xurado e presentei varios dos meus traballos no festival, teño un vencello moi forte e especial co OUFF. Despois de tantos anos que che recoñezan o teu traballo na casa sempre fai moita ilusión”.

Actualmente Portocabo atópase en plena rodaxe “Rapa”, unha nova serie que se rodará integramente en Galicia, protagonizada por Javier Cámara e dirixida por Jorge Coira. 

Doutra banda, o Premio Chano Piñeiro desta edición é para Beli Martínez, produtora e fundadora de Filmika Galaika. Este premio recoñece o traballo dos emprendedores do audiovisual galego que loitan por sacar proxectos á marxe da industria estandarizada.

Carmen Leyte, a presidenta da Fundación Carlos Velo que organiza o festival, destacou que se trata de “un recoñecemento polo seu labor desde Filmika Galaika ao apostar nos últimos anos por potenciar e dar a coñecer a un gran número de novos creadores galegos, facendo posible a realización dos seus soños audiovisuais con notable proxección internacional”. O premio será entregado o 24 de setembro por Mari Luz Montes,  viúva do cineasta Chano Piñeiro.


Beli Martínez cóntanos o que significa este premio para ela, “pois é o primeiro premio que me dan a título persoal, e a verdade é que moi agradecida. Ademais que leve o nome de Chano Piñeiro, todo o significado que ten detrás, o que significa facer cinema en Galicia que para el era un soño e hoxe é unha realidade. E tamén moi agradecida de que decidisen dar un premio a unha produtora, xa que todos sabemos que o cinema é moi personalista que se adoita centrar na figura do os directores ou actores, e recoñecer á xente que está detrás máis na sombra como nós pero que estamos a traballar e empuxando tamén para sacar os proxectos adiante, é un traballo titánico do mesmo xeito que o do director pero descoñecido para a maioría da xente”.


Filmika Galaika estrea esta semana na 78ª edición do Festival de Cinema de Venecia a longametraxe “Eles transportan a morte” dirixida por Helena Girón e Samuel Delgado. 

Desde Agapi queremos dar os parabén aos dous premiados, que demostran desde diferentes áreas do sector audiovisual galego unha clara e forte aposta por facer cinema desde Galicia sen perder de vista a proxección internacional. 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies