RTVE e Portocabo asinaron un acordo para coproducir ‘Argonautas’, a súa primeira serie infantil de imaxe real para a canle Clan. Televisión Española anunciouno nunha nota de prensa como ‘un paso máis de RTVE no seu obxectivo de descentralizar a produción e explorar novas vías de coprodución’. A serie contará co apoio de AGADIC (Xunta de Galicia) e rodarase este verán na cidade da Coruña e en Laxe.
Yago Fandiño, director de Contidos Infantís de RTVE e Clan destacou o interese da Corporación por realizar este tipo de producións: historias orixinais, rodadas en España; series que achegan un punto de vista fresco e representan valores propios dunha televisión pública. A serie, producida en Galicia, segue a estratexia da canle por abrir o abano a novas producións en diferentes rexións, que a Corporación emprendeu nos últimos anos. Neste caso trátase de buscar outros camiños para a produción de series infantís españolas por parte de RTVE.
O proxecto foi presentado o pasado venres 6 de maio no Museo de Belas Artes da Coruña polo propio Fandiño, Alfonso Blanco, CEO de Portocabo e produtor executivo da serie; Román Rodríguez, conselleiro en funcións de Cultura e Educación da Xunta de Galicia; Jacobo Sutil, director de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais); José Luis Pérez Añón, alcalde de Laxe, e Jesús Celemín, concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña.
Alfonso Blanco expuxo o interese da produtora por producir series infanto-xuvenís en imaxe real, un formato con escasa presenza no mercado español pero que ten un enorme potencial e xa levantou interese en grandes distribuidores a nivel mundial. Ter unha oportunidade como Argonautas’ creada e producida desde Galicia é un logro da produtora, afirma Blanco, que vén de producir series como ‘The Avatars’ e ‘Miracle Tunes’, dúas series infantís de imaxe real de gran repercusión.