Movistar Plus+ e Portocabo, compañía liderada por Alfonso ‘Fosco’ Blanco e participada por Banijay Iberia, confirmaron o seu terceiro proxecto xuntos. Trátase da miniserie de ficción ‘Garbo’, a historia real de Juan Pujol, axente dobre español que foi clave para que os aliados gañasen a II Guerra Mundial.
Ambas as compañías realizaron o anuncio durante o Festival Crossover Cultura de Series que se celebra estes días en San Sebastián. Como colofón a unha charla sobre a segunda tempada de ‘Rapa’, Susana Ferreiras, produtora executiva do servizo de pago, deu os primeiros detalles de ‘Garbo’.
Pepe Coira, Fran Araújo e Jorge Coira, que xa traballaron xuntos en ‘Hierro’ e ‘Rapa’, están a ocuparse dos guións da nova miniserie.