O Teatro Principal de Ourense acolle hoxe, martes 28 de marzo, a preestrea galega do filme ‘Amigos hasta la muerte’. O debut de Javier Veiga na dirección dunha longametraxe chega a Galicia logo do seu paso polo Festival de Málaga. A película poderá verse por primeira vez en Galicia na cidade das Burgas, unha das súas localizacións principais, nun pase ao que acudirán o director, membros do elenco como Marta Hazas, David Amor ou Xosé A. Touriñán e representantes das institucións e empresas que colaboraron nesta produción. Despois desta premiere, o filme chegará aos cines de toda España.
Protagonizado polo propio Javier Veiga, Marta Hazas e Mauricio Ochmann, ‘Amigos hasta la muerte’ conta a historia de María, Nacho e Suso, tres amigos de toda a vida. Xuntos compartiron moitas cousas, quizais incluso demasiadas… E, de repente, a dous deles vailles tocar compartir o secreto de que o outro vai morrer. Pero antes quédalles moito por facer: plans, promesas, reproches, risas, reconciliacións, lembranzas, máis risas, algunha bágoa… e algo pendente que quizais chegou a hora de destapar. Os tres van descubrir o pouco que importan agora as cousas que parecían importantes.
O filme conta ademais coa participación de Luna Gallego, Nacho Nugo e Óscar Allo, que interpretan a María, Nacho e Suso cando tiñan só vinte anos, e actores galegos como Xosé A. Touriñán, David Amor, Ledicia Sola, Mela Casal ou o músico Xoel López.
Galicia como escenario
A rodaxe de ‘Amigos hasta la muerte’, coprodución internacional de Medio Limón, Undodez e Onírica Films, tivo lugar durante o verán de 2022 na cidade de Ourense e a súa contorna, O Grove, Santiago de Compostela e diferentes puntos do Camiño de Santiago. A súa produción contou cun equipo técnico formado na súa maioría por profesionais galegos.
‘Amigos hasta la muerte’ contou para a súa produción co apoio da Xunta de Galicia, a través da convocatoria de subvencións á atracción de rodaxes, dentro do programa Hub Audiovisual Industria Creativa por medio da Axencia Galega das Industrias Culturais, dotado co Fondo Feder da Unión Europea. Tamén recibiu o apoio da Deputación de Ourense, Turismo de Galicia, Televisión de Galicia, ABANCA e outras colaboracións e patrocinios de institucións públicas e empresas privadas.