Para ‘Matria’, a ópera prima do vigués Álvaro Gago, as boas noticias seguen a ser a tónica xeral. O filme producido por Matriuska Producciones, Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE estreouse o venres 24 de marzo 2023 en 60 cinemas do estado, sendo o primeiro filme galego en versión orixinal en chegar a ese número de salas. Dende ese momento as cifras falan: 10.000 espectadores nos primeiros catro días, 15.000 espectadores a primeira semana e máis de 20.000 espectadores na súa segunda fin de semana.
O filme xa tivo unha moi boa acollida na súa presentación mundial na Berlinale, e a actuación de María Vázquez viña referendada pola concesión da Biznaga de Prata nesta 26ª edición do Festival de Málaga. ‘Matria’ chegará proximamente aos cines franceses da man da distribuidora ‘Les Alquimistes’.