“Portocabo, dez anos traballando na ficción cunha mirada sempre internacional”

“Portocabo, dez anos traballando na ficción cunha mirada sempre internacional”

Tras once exitosos anos como produtor executivo en Voz Audiovisual, Alfonso Blanco decide en 2009 poñer en marcha a súa propia produtora, Portocabo, da que hoxe é director xeral e que conta cun equipo de dez persoas. Falamos con eles sobre a súa traxectoria nestes anos e a súa evolución, que desembocou nunha clara aposta pola coprodución internacional de ficción para poder chegar a un público máis amplo.

Un dos seus éxitos máis recentes é a serie Hierro, que foi coproducida con ARTE France, Atlantique Productions e Movistar +, e que se estreou o pasado mes de xuño nesta canle. Protagonizada por Candela Pena e Darío Grandinetti, a serie de ficción está rodada integramente na illa do Hierro e, tras o rotundo éxito da primeira, xa confirmaron para facer unha segunda tempada.

Agora mesmo atópanse inmersos no desenvolvemento de dúas ficcións: unha para Netflix e outra para Alemaña. Ademais, terminaron de rodar recentemente entre Vigo e Lisboa Auga Seca, unha coprodución con SP-i para TVG e RTP que conta co apoio de Agadic. Auga seca é a segunda serie que Portocabo produce con Portugal tras Vidago Palace, un drama histórico emitido en 2017 por Televisión de Galicia e RTP. Deste xeito, Portocabo segue avanzando con forza na súa estratexia como referente na creación e coprodución de contidos internacionais para televisión.

Entre os proxectos que levaron a cabo desde o seu nacemento atópanse a película Os Fillos do Sol coproducida por TVG e TV3, producida por Portocabo e Diagonal TV; o documental A viaxe de Leslie. E na súa liña teen- kids, The Avatars, unha serie musical coproducida con Italia que foi rodada en Madrid con actores americanos destinada a un público adolescente. E a adaptación da mini serie xaponesa Miracle Tunes, unha coprodución entre España, Italia e Suíza que xa foi emitida e coa que queren achegarse ao público infantil.

Afirman desde a produtora que en Galicia hai un bo tecido industrial dentro do sector audiovisual grazas ao apoio das institucións públicas, TVG e Agadic – Xunta de Galicia. Pero quizais, “a clave está en que as producións galegas saben moverse dentro do mercado internacional e isto é fundamental para o crecemento do sector”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies