Paula Cons finaliza a rodaxe do thriller ‘O Santa Isabel’

Paula Cons finaliza a rodaxe do thriller ‘O Santa Isabel’

A semana pasada finalizou en Portugal a rodaxe de O SANTA ISABEL. A ópera prima de Paula Cons é un thriller sobre a fuxida da dor e sobre as sombras e, practicamente ningunha luz, do heroísmo. Estrearase nas pantallas a comezos do vindeiro ano da man de Filmax. Diferentes localizacións de Galicia e Portugal acolleron durante seis intensas semanas a rodaxe da película, inspirada na historia de tres mulleres que se converteron en heroínas pola súa fazaña tralo naufraxio, en 1921, do trasatlántico Santa Isabel fronte á illa de Sálvora, pero ás que a sociedade logo esquecería.

Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna protagonizan este thriller, xunto a Victoria Teijeiro, Ana Oca e María Costas. Milo Taboada, Celso Bugallo, Machi Salgado, Miguel Borines, Tatán, Roberto Leal, Ana Santos, Mela Casal, Javier Tolosa e Leyre Berrocal, entre outros, completan o reparto. O SANTA ISABEL é a primeira longametraxe de ficción de Paula Cons. A directora e guionista desta película, na que contou coa colaboración de Luis Marías no guión, tamén traballou como guionista e produtora executiva da longametraxe LOBOS SUCIOS, e como directora e guionista dos documentais A BATALLA DESCOÑECIDA e O CASO DIANA QUER. 500 DÍAS. Conta ademais cun equipo de profesionais de primeira liña como o director de fotografía Aitor Mantxola, o director de arte Antonio Pereira, a responsable de maquillaxe e perruquería Raquel Fidalgo, ou a encargada de deseño de vestiario Eva Camino. En palabras da súa directora: pretendemos achegarnos a un feito histórico, recuperar o recordo de tres mulleres fascinantes e facer unha reflexión sobre a fuxida da dor (da protagonista e da sociedade) a través dunha historia misteriosa e cun gran poder visual. O filme está coproducido pola galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis e a arxentina Aleph Cine. Conta coa participación de TVG, RTVE e ETB, e co apoio da AGADIC, do Goberno Vasco, do ICAA, do INCAA arxentino e do Programa Ibermedia. O SANTA ISABEL chegará aos cines españois a comezos do 2020 da man de Filmax.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies