Os filmes “Arima” e “A illa das mentiras”, exhibiranse na sección “Made in Spain” de San Sebastián

Os filmes “Arima” e “A illa das mentiras”, exhibiranse na sección “Made in Spain” de San Sebastián

Dúas películas galegas, ‘Arima’ e ‘A illa das mentiras’, foron seleccionadas para participar na 68 edición do Festival de San Sebastián na sección ‘Made in Spain’, onde se recolle unha panorámica do cinema español do ano e inclúe longametraxes que, tanto triunfaron en salas de cine como producións do circuíto alternativo, óperas primas ou filmes destacados noutros certames. Respectivas óperas primas de Jaione Camborda e Paula Cons participarán no certame donostiarra xunto outras seis producións. A maiores, a cinta de Camborda será tamén unha das propostas da sexta edición de Ikusmira Berriak.

‘Arima’, da cineasta donostiarra, residente en Galicia, Jaione Camborda, obtivo o Premio á Mellor Dirección na sección ‘Las Nuevas Olas’ da 16ª edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla e o Premio Escáner no 9º Festival Márgenes. Rodada en formato 16 mm. como aposta persoal da directora, esta historia de catro mulleres e unha nena cuxa vida se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros, é unha produción de Esnatu Zinema. As actrices Melania Cruz e a nena debutante Nagore Arias lideran o elenco deste filme, que se completa coas intérpretes Rosa Puga, Tito Asorey, Iria Parada e Mabel Rivera.

Jaione Camborda foi tamén seleccionada para participar co plan da súa próxima longametraxe no programa de desenvolvemento de proxectos e residencias Ikusmira Berriak, que organizan o certame de San Sebastián, o Centro Internacional de Cultura Contemporánea Tabakalera e Elías Querejeta Zine Eskola, para implicar novos talentos, produtoras e industrias audiovisuais que apostan pola innovación. Nesta sexta edición elixíronse un total de cinco proxectos procedentes da Arxentina, Chile, España e Reino Unido, entre as 185 propostas recibidas.

Pola súa parte, a directora compostelá Paula Cons reuniu en ‘A illa das mentiras’, nos papeis protagonistas, a Nerea Barros, Darío Grandinetti, Aitor Luna, Victoria Teijeiro e Ana Oca. Inspirada en feitos reais, no afundimento do buque Santa Isabel fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921, aborda as consecuencias que o naufraxio ten nun microcosmos tan pechado e peculiar coma o desta pequena illa. Tamén é unha homenaxe ás tres mulleres que salvaron a vida de 48 persoas e que foron inxustamente esquecidas pola historia. O filme está coproducido pola galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000.

Ambas longametraxes galegas participarán na sección ‘Made in Spain’ xunto ás películas ‘La boda de Rosa’ (dirixida por Icíar Bollaín); ‘Las niñas’ (Pilas Palomero); ‘My mexican Bretzel’ (Nuria Giménez); ‘La Mami’ (Laura Herrero) e ‘Padre no hay más que uno’ (Santiago Segura), e a serie ‘Escenario 0’, de HBO Europe.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies