A pandemia puxo en pausa a rodaxe da segunda tempada de Hierro, pero desde logo non fixo parar o seu éxito. A serie, coproducida por Portocabo e Atlantique Productions para Movistar+ e ARTE France, foi aclamada pola crítica internacional e estreouse xa en 19 países de Europa e América Latina. A rodaxe da súa segunda tempada xa estaba avanzado cando a crise do coronavirus estalou e o estado de alarma fixo que todo o equipo tivese que volver a casa. Se se puido renovar no mes de xuño foi grazas ao estrito protocolo de seguridade elaborado en colaboración co Goberno canario.
Así, para poder viaxar de novo á illa do Hierro todo o equipo necesitou confinarse, dar negativo nun test PCR en orixe e pasar unha nova proba PCR con resultado negativo en destino. A situación de paralización de roteiros nas aerolíneas causada pola pandemia fixo que a loxística de volta á illa fóra aínda máis complexa do que é habitualmente. Ademais, o equipo estivo illado da poboación local para evitar riscos innecesarios. O guion púidose rodar integramente, aínda que a produción necesitou simplificar algunhas situacións por cuestións de protocolo. A pesar de todas estas dificultades, Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo, afírmanos que todos están moi contentos co traballo feito. A rodaxe terminou a mediados de agosto e barállanse os primeiros meses de 2021 como posible data de estrea.
Ao mesmo tempo Portocabo avanza na rodaxe da súa primeira longametraxe de ficción, Cuñados, que comezou o 17 de agosto en Ourense. A película conta co apoio de TVG, TVE e Agadic, así como a colaboración da Deputación de Ourense. Cuñados é unha comedia criminal e familiar, dirixida por Toño López, con guion de Araceli Gonda e protagonizada por Miguel de Lira, Xosé A. Touriñán e Federico Pérez. A produtora espera estreala no segundo trimestre de 2021 e pretende facer unha campaña que arroupe a película no seu paso polas principais cidades e pobos de Galicia, así como nas principais salas de VO de territorio
nacional.
Doutra banda, a produtora de Alfonso Blanco acaba de vender á plataforma online HBO dúas das súas series, Auga Seca e Vidago Palace, ambas coproducidas coa televisión pública portuguesa, RTP. Na actualidade traballan xa no desenvolvemento da segunda tempada de Auga Seca.