O documental “A Media Voz” da produtora Matriuska acaba de gañar a Biznaga de Prata ao Mellor Director na sección de documentais do Festival de Málaga. Este é o terceiro premio que recibe a cinta dirixida por Heidi Hassan e Patricia Fernández, que vén de gañar no IDFA de Amsterdam e no Festival da Habana como mellor documental.
Falamos con Daniel Froiz sobre os éxitos de “A Media Voz” e tamén sobre os proxectos nos que están a traballar. Están a piques de terminar a montaxe da nova película de Liliana Fernández “Que fixemos mal?”, a idea é poder estar en festivais a primeiros de ano e poder planear a estrea comercial para a primavera de 2021. A rodaxe da película foi outra das vítimas da pandemia, cando saltou o estado de alarma parte do equipo e da repartición atopábase xa en Méjico para comezar a gravar, víronse obrigados a volver a España no que Daniel Froiz describe como “unha situación bastante dramática, ademais a nivel administrativo parouse todo, había moita incerteza e isto acaba creando un ambiente moi negativo. Ao final conseguimos resolver o resto da rodaxe en Barcelona, pero o impacto económico foi grande”.
Outro dos proxectos que teñen entre mans é “Os días acabados de Míster Stevens” de César Souto, o documental que está a piques de entrar en fase de postproducción foi rodado entre New York e Hartford e esperan poder estrear o próximo ano.
Ademais, en Matriuska teñen outros dous proxectos en fase de desenvolvemento, o primeiro deles é a longametraxe de Álvaro Gago “Matria”, a película leva o mesmo título que a curtametraxe gañadora do Goya ao mellor curto de ficción no 2019. Para este proxecto volven contar con Avalon Cinema para a distribución do filme. O segundo, é o documental “Honeymoon” de Kike Otero, aínda en fase de desenvolvemento pero co que contan cunha acordo de distribución con Filmax.
Preguntámoslle a Daniel Froiz sobre como ve o futuro do audiovisual despois deste parón, “son moi optimista por defecto, creo que estamos nunha situación excepcional, agora toca adaptarse cos novos protocolos. Sabemos que a economía vai sufrir pero sairemos desta como o fixemos outras veces, iso si, tócanos traballar máis e estar máis atentos”.