Gaspar Broullón (Ollo Vivo): “Traballar e adaptarse para que todo siga adiante”

Gaspar Broullón (Ollo Vivo): “Traballar e adaptarse para que todo siga adiante”

Na produtora Ollo Vivo traballan para que ningún dos proxectos que tiñan na axenda para este ano 2020 caia da mesa, e por agora lográrono. A produtora coruñesa fundada por Pepe Coira, Jorge Coira e Gaspar Broullón conseguiu capear este parón imposto polo confinamento e a pandemia.

Na actualidade están a terminar a preprodución de “O Corpo Aberto”, a nova película de Ángeles Huerta que esperan empezar a rodar a principios do 2021. A longametraxe é unha coprodución coa produtora portuguesa Cinemate e a catalá Fasten Films. A pandemia obrigou a atrasar os procesos de financiamento e produción planificados para este ano 2020, con todo, Gaspar Broullón cóntanos de que durante o confinamento aproveitaron moito para traballar sobre o papel sobre aspectos de guión, a fotografía, dirección de arte… “a sensación xeral é que o temos todo moi planificado, agora só queda por saber que pasará cando empecemos a rodar”.

En Ollo Vivo traballan ademais en dous proxectos de teatro. O primeiro deles é unha produción para a TVG da compañía Sarabela, “Crónicas do Paraíso”, o proxecto atópase agora na última fase de edición e aínda non ten data de estrea. O segundo é unha adaptación dunha das obras icónicas da compañía Chévere, “Citizen”, unha especie de biografía non autorizada dun exitoso empresario téxtil coruñés que responde as iniciais de A.O. A longametraxe estará dirixida por Lucía Estévez e agora mesmo traballan nos primeiros borradores do guión. Unha cousa que teñen clara desde Ollo Vivo é que queren seguir coa liña máis experimental de “Eroski Paraíso” que tantas alegrías e éxito lles deu.

Falamos con Gaspar Broullón precisamente sobre o éxito de Eroski Paraíso, “estamos moi contentos pola acollida que tivo a película, estreouse o 13 de decembro do ano pasado e mantívose en salas ata principios de febreiro, ademais tivemos un feedback moi positivo por parte do público. Era unha gozada facer coloquios porque vías que tocara a fibra de moita xente. Ademais como colofón Miguel e Patricia conseguiron o premio Mestre Mateo á mellor interpretación”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies