22 Asociacións de produtores audiovisuais, de todo o territorio nacional, reuníronse en Valencia, o pasado venres día 28 de xuño no VII Encontro Estatal de Asociacións de Produtoras Audiovisuais. Ademais de continuar traballando pola mellora das condicións do sector da produción cinematográfica en España, presentáronse os obxectivos da nova federación de produtores audiovisuais MAPA. O evento foi inaugurado polo director xeral de IVC, Abel Guarinos, e contou coa participación da directora xeral de ICAA, Beatriz Navas e, a subdirectora xeral do ICAA Silvia Anoro.
O VII encontro estivo estruturado en dous partes diferenciadas. Na sesión matinal tratouse a presentación desta nova Federación de Asociacións de Produtores, MAPA. MAPA, é creada por asociacións que viñan traballando desde hai dous anos no marco da Mesa de Produtores e que non formaban parte de ningunha Federación. O seu obxectivo principal será a defensa dos intereses da produción audiovisual en España de forma transversal desde as produtoras máis pequenas da España interior ata as grandes produtoras instaladas en Madrid, Cataluña, País Vasco, Galicia, Andalucía e Valencia. O obxectivo a medio prazo será a unión de todo o sector nunha posible confederación audiovisual a nivel nacional que permita que todas as produtoras audiovisuais españolas, independentemente da súa localización, tamaño ou campo no que realice a súa actividade poidan ter unha voz única capaz de influír nas políticas ou dinámicas que regulan o sector desde o ámbito nacional e europeo. Do mesmo xeito, abordáronse temas como o investimento por parte dos operadores de comunicación na produción audiovisual e as liñas de axuda do Fondo Nacional Público de Apoio ao Sector Audiovisual ( FASA).
A sesión da tarde foi constituída como unha mesa de traballo, que potenciase a
interlocución directa entre as representantes do Instituto da Cinematografía e
das Artes Audiovisuais, e os produtores audiovisuais. Nela abordáronse
temas capitais para o sector: desde a incerteza sobre os prazos de publicación das
axudas xerais á produción, paralizadas ata a constitución dun novo
goberno; a necesidade de presentar máis proxectos educativos nos programas
Eurimages, Media e Ibermedia ou os retos para mellorar os procedementos
administrativos de solicitude de axudas por parte dos produtores.