O primeiro paso de moitos

O primeiro paso de moitos

Un camiño que empeza en Galicia e agora expándese a 38 países de todo o mundo, isto é o que conseguiron Alba Prol Cid e Raúl García coa súa miniserie documental “The Great Way”. Aínda que o proxecto naceu como unha longametraxe documental ao final transformouse nunha serie documental de 4 capítulos, un por cada camiño percorrido: o Pacific Crest Trail que atravesa a Costa Oeste de EEUU, o Camiño Inca a Machu Picchu en Perú, o camiño Kumano Kodo en Xapón e, por suposto, o Camiño de Santiago.

Detrás de “The Great Way” está o novo socio de Agapi, a produtora Meteórica Cinema, liderada por Raúl García e Alba Prol. Desde 2017, levan 5 anos de maneira profesional sacando adiante proxectos desde Galicia pero sempre buscando a proxección internacional.

Acaban de asinar a 2 tempada de “The Great Way” coa produtora alemá Off the Fence, gañadora do Óscar ao Mellor Documental en 2021 con “My Octopus Teacher”. Esta nova entrega levará a Alba e a Raúl a percorrer novos camiños en Xordania, Grecia, Turquía… Ademais, está segunda tempada presentarase este próximo mes de outubro no mercado MIPCOM do Festival de Cannes como parte do catálogo da produtora e distribuidora Off The Fence.

Quixemos falar con Alba e Raúl para saber máis sobre o traballo de Meteórica Cinema e tamén sobre o éxito internacional de “The Great Way”.

Para nós “The Great Way” é o primeiro gran proxecto internacional que producimos, ademais o primeiro que é totalmente noso, onde temos o control de todas as fases desde o principio ao fin. A idea de Meteórica Cinema naceu aos poucos mentres traballabamos para outras produtoras. Empezamos a producir algúns proxectos pola nosa conta, ata deixar nosos outros traballos para centrarnos na nosa marca . Con “The Great Way” quixemos unir nosas dúas grandes paixóns, o audiovisual e viaxar ao estilo mochileiro, pero nunca pensamos que o proxecto ía crecer tanto. Está a ser unha satisfacción brutal”.

O documental vai máis aló do que son os propios roteiros, e é que para Raúl e Alba, ao final o que conta son as persoas que van descubrindo: “Nós dedicámonos a isto porque nos gusta contar historias de persoas e cremos, ademais, que o audiovisual ten capacidade para cambiar o mundo. O mesmo sucede ao camiñar porque coñeces outra xente, outros mundos, outros puntos de vista… Para nós isto é o máis importante, este é o noso gran camiño”.

A serie recibiu xa 22 premios en diferentes festivais de cinema e actualmente pódese ver en 38 países en diferentes plataformas e TV de EEUU, Suecia, Noruega, Reino Unido, Corea, Hong Kong, toda América Latina… pero paradoxalmente na actualidade non se pode ver en ningunha plataforma nin canle de TV en España. “Oxalá que pronto poida estar dispoñible aquí, é algo que non depende de nós”.

Aínda que nos próximos dous anos estarán inmersos na produción e rodaxe dos novos capítulos de “The Great Way,” desde Meteórica Cinema traballan xa no desenvolvemento de novos proxectos entre os que tamén está a súa primeira longametraxe de ficción.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies