O PLAY-DOC, elexido un dos 10 mellores festivais do mundo en 2013

O PLAY-DOC, elexido un dos 10 mellores festivais do mundo en 2013

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui foi seleccionado este ano para formar parte de Best Fest Film Series. Este programa escolle cada ano aos 10 festivais máis destacables do mundo, segundo a opinión dos seus organizadores, os xestores de Town Hall. Esta sala neoiorkina, en pleno centro de Manhattan, é toda unha institución na cidade.

A filosofía desta sala sen ánimo de lucro é esencialmente divulgadora, polo que lle propuxo a Play- Doc que programe unha sesión con algunhas das películas máis relevantes da súa liña editorial. O certame decidiu levar a Nova York filmes galegos anteriormente mostrados no festival, que se proxectarán ante os 1.500 espectadores que enchen o Town Hall cada semana. O debate centrarase na efervescencia, nos últimos anos, de creadores galegos de alto nivel, recoñecidos a miúdo en festivais internacionais. Esta sesión quere ser tamén unha xanela á cultura galega en xeral e, moi particularmente, aos 10 anos de percorrido do festival Play-Doc, que celebra o seu décimo aniversario do 2 ao 6 de abril próximos. Repasaranse os momentos álxidos do certame, presentando a súa liña editorial. Esta baséase na recuperación de figuras fundamentais do documental moderno, moitas veces esquecidas, como Marcel Lozinski, Artavazd Pelechian, Ross McElwee, os irmáns Maysles, Bogdan Dziworski, Raymond Depardon ou Jay Rosenblatt, entre outros. Adicionalmente, o festival galego realiza unha selección cada ano dos títulos máis rompedores da tempada, daquelas películas de non-ficción que se atreven a traspasar as fronteiras do xénero para profundar na linguaxe cinematográfica. Tamén fai unha defensa do cinema galego, cunha sección dedicada ás producións máis relevantes da colleita anual; e organiza debates ao redor de tendencias, ou clases maxistrais dos directores invitados. Os últimos alicerces de Play-Doc residen nos concertos que cada ano traen a Galicia a importantes bandas do panorama español e internacionais; así como nas actividades formativas que o certame promove, destinadas a ampliar os coñecementos dos cineastas da zona mediante cursos, obradoiros e seminarios. Estes impactaron moi positivamente no crecemento artístico dos directores, que saíron reforzados de tales actividades, con mellores perspectivas de exhibición.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies