O LAV.mov, as xornadas de formación e creación audiovisual organizadas en Vedra pola Asociación Senunpeso, volve a fin de semana do 7, 8 e 9 de outubro, na que se celebrarán obradoiros audiovisuais e un concursos de curtas express “A Fume de Carozo”. Nos obradoiros,Pablo Lamosa e Sandra Montes ofrecerán os seus coñecementos nos cursos de efectos especiais e preparación de castings, respectivamente. E Belén Veleiro impartirá un obradoiro de construción dun xoguete óptimo dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. No concurso, os equipos que se inscriban realizarán unha curta en 48 horas a partir dunhas premisas secretas para optar ao premio de 1.000 € para a mellor curta.
Obradoiros de formación audiovisual
A Asociación Senunpeso abriu xa o prazo na súa web www.senunpeso.org para inscribirse nos obradoiros, que se celebrarán o sábado 8 e o domingo 9 de outubro. Os dous cursos están dirixidos a persoas interesadas no audiovisual de diferentes niveis:
- Iniciación aos VFX. Composición nodal con Fusion (Davinci Resolve), con Pablo Lamosa. Unha iniciación aos efectos visuais empregando Fusion dentro de Davinci Resolve, practicando a integración de pantallas e borrados e a integración con croma.
- Preparación de casting para actores e actrices, con Sandra Montes. Todas as claves para a preparación de castings: análise de experiencias, diferenzas entre interpretación e preparación de casting, traballo con texto neutro etc.
Os obradoiros son de 14 horas de duración, con 16 prazas por obradoiro. As persoas socias de Senunpeso e as veciñas de Vedra contan cun desconto do 50% na matrícula.
A matrícula formalízase antes do 3o de setembro na web www.senunpeso.org.
Obradoiro infantil gratuíto
O sábado 8 de outubro pola mañá celebrarase un obradoiro gratuíto dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos. Titúlase Paper cinético. Os xoguetes óptimos do cinema, e será impartido por Belén Veleiro. Trátase dun obradoiro que reflexiona sobre o “papel” do papel no cinema mediante a construción dun zoótropo, para experimentar a transformación da bidimensionalidade dunha folla de papel nun obxecto tridimensional en movemento.
A inscrición a este obradoiro pode realizarse ata o 3o de setembro na web www.senunpeso.org.
Concurso A Fume de Carozo
Os días 7, 8 e 9 de outubro celebrarase o concurso A Fume de Carozo, no que as persoas participantes, organizadas en equipos, terán 48 horas e unha serie de requisitos que coñecerán no propio día para crear pequenas pezas audiovisuais e aspirar ao premio de 1.000 € á mellor curtametraxe. O concurso arrancará na tarde do 7 de outubro coa entrega dos requisitos secretos para a realización das curtas. O domingo 9 de outubro á tarde entregaranse e proxectaranse as pezas creadas no concurso. Tras a deliberación do xurado, terá lugar a entrega de premios.
A inscrición no concurso, cunha cota de 10 €, está aberta en www.senunpeso.org ata o 30 de setembro. O número máximo de equipos participantes é 10.
O LAV.mov está organizado pola Asociación Senunpeso, co patrocinio do Concello de Vedra e a Deputación da Coruña e a colaboración da Asociación Papaventos, Vermú Nordesía e Modelarte.
Quince anos formando e creando audiovisual
A deste ano será a cuarta edición do LAV.mov. Este formato deu continuidade ao Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV), que se celebrou durante dez anos e polo que pasaron máis de 1.500 alumnas e alumnos. Esta nova versión segue sendo fiel ao espírito orixinal de ofrecer a estudantes e persoas afeccionadas a oportunidade de adquirir novos coñecementos no eido audiovisual, ao que agora se engade a promoción da realización de pezas audiovisuais con Vedra como contexto. A filosofía é a de sempre: aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes creacións sen necesidade de contar con grandes orzamentos.