O ‘I+P, Ideas para Producir’ abre a convocatoria de proxectos para a súa edición do 2024

O ‘I+P, Ideas para Producir’ abre a convocatoria de proxectos para a súa edición do 2024

A 18ª edición do pitching ‘I+P, Ideas para Producir‘ abre a súa convocatoria para inscribir proxectos de cine e televisión. O evento, que supón unha excelente oportunidade para a venda, financiación, distribución e coprodución de contidos audiovisuais, celebrarase na Coruña os días 28 e 29 de novembro de 2024.

O “I+P, Ideas para Producir” está organizado polo Clúster Audiovisual Galego e patrocinado pola Axencia Galega das Industrias Cuturais da Xunta de Galicia. Ademais, conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e coa colaboración do Concello da Coruña e das asociacións CREA e AGAG. Tamén son patrocinadores desta edición Music Library & SFX e Gadisa.

Este foro profesional de exposición de proxectos audiovisuais ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara a súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión e plataformas.

O prazo de inscrición de proxectos estará aberto desde o 22 de xullo ata o 30 de setembro de 2024, ás 14:00 horas.

Neste foro poderanse rexistrar os seguintes formatos:

  • Longametraxes de ficción, animación e documental.
  • Series de ficción, animación e documental.
  • Miniseries de ficción, animación e documental.
  • Programas de televisión e outros formatos de entretemento.

Así mesmo, poderanse rexistrar varios proxectos por creador ou empresa e, como máximo, poderá ser seleccionado para participar no I+P un proxecto por autor ou empresa.

O Comité de Selección encargado de avaliar e elixir as obras participantes estará constituído por tres membros da industria audiovisual de recoñecido prestixio, con carreiras consolidadas e proxectos recoñecidos polo gran público.

Os 18 proxectos seleccionados para participar no I+P realizarán o día 29 de novembro un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual. A continuación, celebraranse os encontros one to one entre os produtores e creadores dos traballos e os expertos que asistan este ano ao Pitching.

A listaxe de proxectos participantes publicarase na páxina web www.clusteraudiovisualgalego.com.

Podes consultar as Bases da 18ª edición do ‘I+P, Ideas para Producir’ aquí.