Onte tivo lugar no Teatro Colón da Coruña a preestrea de ‘Xustiza Artificial’, un filme dirixido por Simón Casal e producido por Abano Producións (Chelo Loureiro), Tornasol Media e Ukbar Filmes.
Conta no seu elenco artístico con Verónica Echegui, Alberto Ammann, Tamar Novas, Alba Galocha, Santi Prego e Paula Morado.
Sinopse: O goberno español anuncia un referendo para aprobar a introdución dun sistema de Intelixencia Artificial na Administración de Xustiza. O sistema promete automatizar e despolitizar a xustiza substituíndo, na práctica, a todos os xuíces e xuízas do país. O referendo desata unha encarnizada campaña electoral na que se enfrontan 2 bandos: o Goberno en alianza coa tecnolóxica creadora do sistema e a carreira xudicial, que defende o carácter exclusivamente humano da xustiza. A desaparición da creadora do sistema de Intelixencia Artificial despois de convidar a unha recoñecida maxistrada a traballar no seu desenvolvemento, desata todas as alarmas. En realidade, é só a punta do iceberg dunha conspiración que busca o control da xustiza en todo o país.
O filme chegará ás salas comerciais o vindeiro 13 de setembro.