O filme de animación ‘Valentina’, producido por Abano, chega aos cines o 10 de decembro

O filme de animación ‘Valentina’, producido por Abano, chega aos cines o 10 de decembro

O venres 10 de decembro estréase nun elevado número de salas de cinema do noso país ‘Valentina’, unha película musical de animación protagonizada por unha nena que quere ser trapecista, pero que cre que non chegará a conseguilo por ter síndrome de Down.

Unha viaxe máxica descubriralle todo aquilo do que é capaz. A súa avoa, compañeira de xogos, aprendizaxes e cancións, asegúralle que, se as orugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. Tamén lle ensinará que nunca debemos perder a ilusión nin as ganas de aprender, as mesmas que ela pon, aínda á súa idade, no seu afán por converterse en directora de orquestra.

‘Valentina’, producida e dirixida por Chelo Loureiro e coescrita con Lúa Testa, contou con David Pintor no deseño de personaxes e escenarios, estes últimos inspirados na xeografía galega e concretamente en diferentes enclaves do Camiño de Santiago, Pontevedra e Ourense.

A voz de Valentina foi interpretada polas nenas Lucía Seren (versión en galego) e Josephine Lockhart (versión en castelán), ambas as con síndrome de Down. A banda sonora orixinal é de Nani García, coautor da banda sonora orixinal da película “Unha muller fantástica” gañadora do Óscar á Mellor Película non inglesa en 2017. Emilio Aragón escribiu “Es especial”, unha das cancións da banda sonora e o cantautor Andrés Suárez pon voz ao Papá e ao Rey e, por suposto, canta na película.

‘Valentina’ conta tamén con recoñecidas voces da lírica galega como María Manuela, Uxía e Pilocha, que poñen voces a cancións e personaxes, así como o novo cantautor Coke Couto (Alfil), a propia Lúa Testa (Mamá/Reina) e a pequena Alicia Rábade.

É unha coprodución de Abano Producións, Antaruxa, O Gatoverde Producións, Sparkle Animation e Valentina a Película, A.I.E. que conta coa participación de RTVE e RTVG, co financiamento de Goberno de España ICAA, foi subvencionada por AGADIC-Xunta de Galicia, e conta co apoio de Crea SGR, AFIGAL e as Deputacións de Pontevedra, Ourense e o Concello de Santiago. Será distribuída en España por Super 8 Distribución.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies