O vindeiro 17 de agosto dará comezo en Ourense a rodaxe de ‘Cuñados’, a primeira longametraxe de ficción da produtora Portocabo, responsable de series de televisión como ‘Hierro’. Tras dirixir series internacionais como ‘ Miracle Tunes’ ( Portocabo, ShowLab, Blasteem, Mediaset, Kamca Group) e ‘ Auga Seca’ ( Portocabo, Sp-i), Toño López asume agora a dirección da súa primeira longametraxe.
No equipo técnico destacan os nomes de Alfonso Blanco (produción executiva), Araceli Gonda (guión), Santi Jul (música), Ana Míguez (dirección de produción), Jaime Pérez (dirección de fotografía), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística) e Saturna (vestiario).
“Esta é unha comedia de case criminais, alegre, axitada e vitalista, para todos os públicos, que basea o seu humor en facer leña das miserias humanas cun toque de tenrura e compaixón, e que talvez nos sirva tamén para ver nosas propias miserias e torpezas con máis sentido do humor”, comenta o director.
‘Cuñados’, que se estreará en cinemas nos primeiros meses de 2021, forma parte do grupo de películas seleccionadas na segunda mesa de valoración de cinema de RTVE para este ano e conta tamén coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a participación da Televisión de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense.
Esta comedia costumista e familiar, que virará ao redor das peripecias criminais de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado, estará protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Fede Pérez, Iolanda Muíños e Eva Fernández. Esta non é a primeira vez que Portocabo escolle a provincia de Ourense para rodar algunha das súas ficcións, como xa ocorrera con ‘ Vidago Palace’ ( Portocabo, Hop!), serie que xa pode verse en HBO Portugal e que chegará proximamente ao catálogo de HBO España.
A produtora continuará tamén nestas semanas coa gravación da segunda tempada de ‘Hierro’ (Portocabo, Movistar+, Atlantique, Arte) en Canarias e avanzando en varios proxectos que se atopan agora mesmo en fase de desenvolvemento.