Mercedes García-Nieto (M International Audiovisual): “Hai que adaptarse e buscar solucións antes de que nolas pidan”

Mercedes García-Nieto (M International Audiovisual): “Hai que adaptarse e buscar solucións antes de que nolas pidan”

Detrás de M International Audiovisual están Mónica Hidalgo e Mercedes García-Nieto. Hai case xa 6 anos que decidiron apostar por este proxecto propio para poder avanzar e innovar con novos produtos audiovisuais. A inquietude por formatos novos como o transmedia, a internacionalización e a capacidade de anticipación son os tres alicerces que definen a M International Audiovisual, que recentemente acaba de entrar como novo socio en Agapi. 

O vindeiro sábado, 6 de xuño, estréase na TVG o documental “Baixo a pandemia”, un traballo que M International Audiovisual xa tiña desenvolto antes de que a TVG abrise convocatoria. Falamos con Mercedes e cóntanos que cando estalou a crise do Covid-19, tiveron claro que as plataformas e televisións ían necesitar contido sobre a pandemia, por iso se sentou a pensar e desenvolver a idea para un posible documental. Ás poucas semanas a TVG anunciaba convocatoria e o proxecto M International gañaba grazas ao seu enfoque humano e testemuñal, pero tamén cren que outro dos puntos que lles deu vantaxe é que tiñan o proxecto e a preprodución moi avanzadas, polo que puideron adaptarse ós tempos e orzamento esixidos pola TVG. A gravación das 18 entrevistas tívose que facer cun protocolo estrito de seguridade e co mínimo persoal, pero o importante é que o proxecto saíu adiante. 

A pesar da crise coa que Covid-19 golpeou ao sector audiovisual, desde M International non se renden e agora mesmo están a pechar unha coprodución con Portugal para un programa de televisión. Ademais, nestas últimas semanas participaron en varias reunións de financiamento vía Zoom con plataformas como Netflix e Movistar para unha serie documental seleccionada por Docs Barcelona. 

Cando lle preguntamos a Mercedes sobre como cre que impactou o Covid-19 no seu traballo queda coa parte positiva, “o primeiro é que a pesar de haber menos xente nalgúns casos puidéronse axilizar ás cousas, o primeiro mes non, foi un pouco caos, pero daquela a situación normalizouse e cando antes evitabas mandar un whatsapp para ver como estaba o teu proxecto, agora vese doutra maneira. O que antes se facía nunha reunión que custaba semanas cadrar, agora resolvémolo con reunións online moito máis áxiles. Cremos que esta vida dixital chegou para quedar e se a sabemos utilizar ben axilizará moito o traballo para todos”.

Outro dos puntos positivos que trouxo o confinamento é normalizar a conciliación, “agora estás nunha reunión e quizais poida entra o teu fillo un momento, pero esa cotiandade do día a día non quita seriedade á reunión, porque todo o mundo empatiza moito máis”.

Para pechar falamos sobre o futuro das produtoras independentes a curto prazo e Mercedes ten de novo unha visión que irradia o optimismo que tanto necesitamos, “as produtoras independentes como nós, non nos rendemos porque en realidade sempre estamos a loitar, a xente púxose a buscar solucións. Lin moito sobre como moitas destas produtoras acabarán desaparecendo, pero eu opino o contrario, os pequenos somos máis flexibles e temos menos infraestruturas que soportar, polo que somos somos máis áxiles á hora de tomar decisións e adaptarnos”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies