‘María Solinha’, a última película dirixida e producida por Ignacio Vilar, e que foi rodada en Vigo, Redondela, Cangas ou Moaña poderá verse nos cinemas galegos a partir do vindeiro venres 26 de novembro, despois de 16 meses de espera marcados pola pandemia.
Foi ano e medio no que o filme xirou por Galicia, Castela e Norte de Portugal en autocinemas –era a primeira vez que se emprega este formato en Galicia– e proxeccións ao aire libre para ser vista por máis de 50.000 espectadores.
‘Nunca sucedeu isto na historia do cine. ‘María Solinha’ é algo novo. O 15 de maio do ano pasado iamos estrear en todas as salas comerciais pero pecharon polo COVID e decidimos algo novo, levar as estreas á rúa e os autos percorrendo 172 concellos durante un ano e catro meses, esperando a que abriran os cinemas ao 100 por cento. Agora chegou ese momento’, sinala Ignacio Vilar.
Como chiscadela á cidade de Vigo, Vilar prepara unha presentación por todo o alto en Vigo o venres día 26 a partir das oito da tarde nos Cines Gran Vía, nunha proxección amparada pola Televisión de Galicia e Vía Láctea Filmes. A elección da data garda relación co Día Internacional contra a Violencia de Xénero.