Tras pasar por localidades como Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo, Lugo, O Barco de Valdeorras, Viveiro e Marín, Eroski Paraíso continúa neste 2020 a súa andaina polas salas galegas. A partir de hoxe, 10 de xaneiro, o filme poderá verse tamén en A Estrada (Minicines Central), Ribadeo (Cine Ribadeo) e Caldas de Reis (Cines Avenida).
Ao longo desta semana, ademais, haberá pases especiais nos que a proxección estará acollida por diversos membros do equipo: este venres 10 o actor Miguel de Lira e o produtor Gaspar Broullón asistirán ás 21h00 ao pase que terá lugar na Estrada, o sábado 11 a actriz Patricia de Lorenzo e o codirector Xesús Ron estarán presentes ás 20h30 na proxección de Ribadeo e o domingo 12, Miguel de Lira e Gaspar Broullón terán de novo un encontro co público asistente, esta vez, no pase das 19h30 en Caldas de Reis.
Tras a súa estrea en cines a mediados do pasado mes de decembro, foron xa unhas 3.000 persoas as que se achegaron á historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta, que decide facer un filme sobre a historia dos seus pais. Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira) coñecéronse na sala de festas Paraíso en 1989, casaron e tiveron unha filla. Agora están divorciados, levan anos sen verse e a antiga discoteca onde se coñeceron é un supermercado Eroski. O filme é o retrato dunha xeración que o tivo todo ao alcance da man pero que camiñou pola vida coma se recorrese o corredor dun supermercado, unha metáfora viva da transformación social que tivo lugar nos últimos 35 anos en España.
Eroski Paraíso, a película naceu como unha obra de teatro creada pola compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) que, despois dunha xira de varios anos por España e de máis de 30.000 espectadores, os directores Jorge Coira e Xesús Ron deciden converter en longametraxe.
O filme é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena. Baséase en historias reais que sucederon no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que pechou en 1990 e que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski. Un feito que, cambiando os homes, se repetiu en infinidade de lugares de España onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización se volveron espazos de consumo. Esta é tamén unha historia de desarraigo: a historia de alguén que non parou en ningún sitio para volver ao mesmo punto de partida, coma se tivese estado parada no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu redor.