Fai xa tres anos que Jorge Coira, Pepe Coira e Gaspar Broullón uniron forzas para crear a produtora Ollo Vivo, pero quizá o proxecto fraguouse moito antes xa que os tres levaban anos traballando e colaborando xuntos para diferentes proxectos de cinema e televisión. Entre os tres cobren diferentes áreas, a dirección a man de Jorge Coira, o guión con Pepe Coira e a produción con Gaspar Broullón. O obxectivo desta unión é poder desenvolver proxectos propios e independentes, pero tamén promover a obra de novos realizadores cun punto de vista moi claro, e así nolo conta Broullón “queremos facer cinema cunha identidade propia moi marcada pero cunha clara vocación internacional. Queremos explorar ese territorio intermedio entre o cinema de autor e o de flocos de millo, tanto na ficción como no documental”.
Acaban de estrear Eroski Paraíso dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron que a pesar de ter un orzamento modesto está tendo unha gran acollida do público. Na primavera poderase ver o documental Beiras, vivir dúas veces, un proxecto que conseguiu financiamento grazas a unha campaña de crowfunding en Verkami e que agora mesmo se atopa en fase de montaxe. E para finais deste 2020 esperan estar a rodar O corpo aberto, unha película dirixida por Ángeles Huerta baseada nun relato de terror de Méndez Ferrín que se fará en coprodución con Cataluña e Portugal.
Ademais, traballan noutros proxectos que aínda están en fase de desenvolvemento, Pinturero un documental de Pepe Coira que conta a historia do único e primeiro toureiro paracaidista na España dos 60; Unha cornetada para Lucrecia, unha traxicomedia rural con guión de Araceli Gonda. E unha recente incorporación, a longametraxe documental de Fon Cortizo sobre a peculiar vida do músico norteamericano Micah P. Hinson, unha colaboración que nace do encontro profesional Conecta +.
Cando lle preguntamos a Gaspar sobre a saúde do audiovisual galego teno claro, “estamos nun momento moi bo que hai que aproveitar, as novas plataformas están a proporcionar unha xanela inimaxinable fai moi pouco, temos grandes profesionais recoñecidos e ben considerados aquí e fóra das nosas fronteiras; ademais o éxito dos directores e directoras galegos en festivais de cinema de prestixio situou a Galicia no foco do cinema de autor internacional.”
O reto para Ollo Vivo, como para todas case todas as produtoras independentes, é conseguir o financiamento necesario para sacar os proxectos adiante, e para iso desde a produtora cren que ademais da coprodución internacional necesítase un maior apoio firme e continuado desde aquí, tanto desde a televisión autonómica como desde as administracións, “ter o primeiro respaldo na casa axúdanos xerar esa confianza necesaria á hora de buscar aliados fóra”.